AS COMPAÑÍAS GALEGAS DUELIRIUM E CIRCO EXPRESO EXHIBIRÁN AS SÚAS PROPOSTAS ANTE UN XURADO INTERNACIONAL XUNTO CON CANDIDATOS DE FINLANDIA, FRANCIA E GRAN BRETAÑA

O CDG organiza unha das mostras clasificatorias do programa Xóvenes Talentos do Circo Europeo

[29/01/2010]
O Centro Dramático Galego (CDG) organiza esta fin de semana unha mostra clasificatoria do programa Xóvenes Talentos do Circo Europeo (Jeunes Talents Cirque Europe), na que seis das 34 formacións finalistas exhibirán os seus respectivos proxectos artísticos ante o xurado internacional encargado de elixir os beneficiarios desta iniciativa europea de apoio a novos creadores no ámbito das artes circenses. A nave da escola Circonove no polígono do Milladoiro (Ames) acollerá este encontro interno co comité de selección, ao que conseguiron acceder dúas propostas remitidas dende Galicia: Aviadoras, de Duelirium, e Losing Grip, de Circo Expreso.
Xunto coas compañías galegas, únicas representantes da Península Ibérica nesta fase, tamén peresentarán os seus traballos outros catro candidatos chegados desde Finlandia (Sirkus Aikamoinen co proxecto Värinpuutostila), Francia (Tricol con Small Deliriums and Other Disillusionsk) e Gran Bretaña (Frenetic Engineering con Bed e So & So Circus Theatre con The Island with no Sea). Todos eles superaron unha fase de selección previa, para a que se recibiron un total de 151 proxectos de toda Europa.

Comité permanente e xurado local

Ata Santiago viaxarán os catro integrantes do comité de selección permanente, así como outros 12 membros dos cinco "polos" ou zonas xeográficas adscritas ao programa: Illas Británicas, Escandinavia, Europa Central, Europa do Leste e Península Ibérica. Este quinto polo, representado polo Centro Dramático Galego, achega ademais un "xurado local" integrado por sete profesionais das artes escénicas: Donald B. Lehn, director da escola de circo Carampa (Madrid); Mercedes Castro, actriz e produtora; Carlos Neira, director artístico de Nut Teatro; Marta Pazos, da compañía Voadora; Giacomo Scalisi, programador do Centro Cultural de Belém (Lisboa), Ricardo Solveira, profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e Vanesa Sotelo, autora teatral.

A de Galicia será a segunda das cinco mostras clasificatorias das que sairán as dez formacións beneficiarias do programa Xóvenes Talentos do Circo Europeo, a través do que recibirán apoio e asesoramento artístico, técnico e económico para a creación e a investigación dentro do novo circo como xénero escénico, así como para desenvolver residencias artísticas e participar no encontro de novos artistas europeos que se celebrará en Santiago o vindeiro mes de xuño. O resto das exhibicións ante o xurado teñen lugar até o mes de marzo en Bélxica (Neerpelt), Inglaterra (Londres), Francia (Bourg-Saint-Andéol) e Croacia (Zagreb).

Cun financiamento de 200.000 euros para o bienio 2009-2010 a cargo da Unión Europea, a iniciativa está encabezada polo centro francés Jeunes Talentes Cirque e conta con outras doce entidades asociadas correspondentes ás cinco grandes áreas xeográficas nas que se desenvolve.

Propostas galegas

Duelirium, compañía de circo aéreo integrada por Mercè Solé e Raquel Oitavén, define o seu proxecto como unha viaxe máxica na procura de novos elementos e instalacións aéreas. Aviadoras presenta a dúas pioneiras da aviación na II Guerra Mundial, que loitan en bandos enfrontados e acaban por encontrarse nunha coordenada descoñecida. A pesar das súas diferenzas, xuntas tentarán sobrevivir buscando enxeñosas formas de seguir voando: cordas lisas feitas con farrapos e un trapecio-hélice son algúns dos innovadores aparatos ideados polo dúo para executar a técnica aérea que dá forma a esta historia.

Pola súa banda, os integrantes de Circo Expreso, Raquel Veganzones e Girisho Gordon, foron seleccionados polo proxecto Losing Grip, que se desenvolve a partir de dous elementos creados especialmente para esta proposta: un trapecio de tres barras colocadas a modo de escada e un arnés que, camuflado baixo a roupa, lles ofrece novas formas de suxeición sobre o trapecio.