O AFORO ESTÁ LIMITADO A 80 ESPECTADORES QUE SE UBICARÁN NO ESCENARIO E DECIDIRÁN SE QUEREN CONTINUAR VENDO A REPRESENTACIÓN INICIAL OU ESCOITAR AOS ESPONTÁNEOS

O Salón Teatro acolle "La función por hacer", espectáculo revelación da actual temporada escénica

[20/05/2010]
O Salón Teatro de Santiago acolle esta fin semana (sábado 22 ás 20.30 horas e domingo 23 ás 18.00) o espectáculo de Kamikaze Producciones La función por hacer, unha adaptación libre de Miguel del Arco e Aitor Tejada sobre a obra de Luigi Pirandello Seis personaxes en busca de autor. A montaxe da compañía madrileña, considerada unha das máis importantes revelacións da actual temporada a nivel estatal, desenvolve unha escenificación moi especial, ao situar en primeiro plano a interacción coas únicas 80 persoas que conforman todo o público posible en cada pase.
A realidade e a ilusión son os fíos condutores deste drama dirixido por Miguel del Arco e interpretado por Israel Elejalde, Bárbara Lennie, Míriam Montilla, Manuela Paso, Raúl Prieto e Cristóbal Suárez. Durante a representación, os actores móvense pola totalidade do espazo escénico, rompendo a denominada cuarta parede. A través dunha posta en escena hiperrealista, un cabalete cun lenzo e un banco crebado son os únicos elementos dunha escenografía que tampouco amosa grandes dispositivos de iluminación, vestiario ou atrezzo. Isto fai que a montaxe se sustente exclusivamente sobre a dirección, os actores e o texto.

Respectando o espírito da obra de Luigi Pirandello, Miguel del Arco e Aitor Tejada reescribiron o drama que move aos personaxes a interromper a escena e emprender a súa incivilizada e revolucionaria acción. Así, a trama non acontece durante un ensaio sen público dunha compañía de teatro da primeira metade do século XX, senón durante a representación dunha función a cargo dunha compañía do século XXI e nun teatro do século XXI. Porén, a reflexión sobre o teatro e a natureza do home que Pirandello desenvolve na súa obra segue intacta.

O público decide

A montaxe comeza co inicio dunha función nun teatro calquera. Sobre o escenario, dous actores afánanse por contar unha historia. É unha obra máis, un espectáculo que non achega nada novo. Pero algo estraño sucede durante a representación. Catro persoas aparecen entre o público -dous irmáns e as súas respectivas mulleres- que fican inmóbiles observando os actores. Elas tamén queren contar a súa particular truculencia familiar, unha historia de celos, sexo e diñeiro. Os espectadores decidirán se os espontáneos poden tomar o protagonismo ou se, pola contra, deben calarse e deixar proseguir os actores iniciais.

Con La función por hacer, Kamizaze Producciones pretende que o público se chegue a preguntar se o que está a ver é real ou non; que se sinta obrigado a procesar a toda velocidade a información que recibe para decidir como debe actuar, xa que as súas reaccións e as súas emocións serán parte activa do espectáculo. Trátase de converter o público nunha personaxe máis da función que se desenvolve diante dos seus ollos.

A montaxe foi candidata ao Premio Max como Espectáculo Revelación; e Miguel del Arco resultou finalista na cuarta edición dos Premios Valle-Inclán de Teatro pola súa labor de dirección escénica.

As entradas para as dúas representacións de La función por hacer poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do seu comezo. Tamén poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.