A AGADIC PATROCINA A PARTICIPACIÓN DO GRUPO CORUÑÉS NESTE ENCONTRO INTERNACIONAL DE DANZA COA MONTAXE QUE REALIZOU EN COPRODUCIÓN CO CENTRO COREOGRÁFICO GALEGO

Entremans presenta o seu espectáculo "Concerto Desconcerto" en Madrid dentro do festival Mov-s

[10/06/2010]
A compañía coruñesa Entremans presentará mañá venres en Madrid a súa montaxe de danza Concerto Desconcerto como parte do cartel artístico do festival Mov-s, que este ano organiza o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e o Mercart de les Flors de Barcelona. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) patrocina a incorporación deste espectáculo, realizado en coprodución co Centro Coreográfico Galego, no programa deste encontro internacional de danza e das artes do movemento que se desenvolve dende hoxe e ata o vindeiro domingo día 13 en diferentes espazos madrileños.
Máis de 500 profesionais de diferentes países están acreditados para participar na terceira edición deste foro itinerante, que nos anos anteriores celebrouse en Galicia (illa de san Simón) e Cataluña (Barcelona). Nesta ocasión, o eixo central do Mov-s é o espectador, propiciándose a análise daqueles aspectos que fan das persoas espectadores activos capaces de recoñecer e dar valor á creación contemporánea.

O Museo Reina Sofía, o Teatro Fernán Gómez, La Casa Encendida, El Matadero, Teatros del Canal, o Círculo de Bellas Artes, o Teatro Circo Price e distintos emprazamentos ao aire libre acollerán todas as actividades do Mov-s: mesas de debate, grupos de traballo, reunións paralelas, espazos de encontro, itinerarios e a representación dunha vintena de espectáculos e propostas artísticas.

Protagonismo do público

Concerto desconcerto, que Entremans escenificará ás 20.00 horas no Círculo de Bellas Artes, é una peza na que os bailaríns executan a música a partir do movemento. Coa colaboración de Mercedes Peón no asesoramento e produción musical, Alexis Fernández, Kirenia Martínez, Armando Martén e Caterina Varela interpretan un espectáculo no que o público toma protagonismo en escena, creándose un espazo de representación común coa musicalidade como guía.