O EVENTO, QUE COMBINA AS ACTIVIDADES FORMATIVAS CUN PROGRAMA DE EXHIBICIÓN ABERTO AO PÚBLICO, CONGREGARÁ 70 ARTISTAS EMERXENTES E PROFESIONAIS DAS ARTES ESCÉNICAS

O CDG organiza en Santiago Circo Europa, primeiro encontro internacional de novos talentos do circo

[11/06/2010]
O Centro Dramático Galego (CDG) organiza do 17 ao 29 de xuño o I Encontro Jeunes Talents Circo Europe que, baixo o título xenérico de Circo Europa, congregará en Santiago de Compostela un total de 70 novos artistas e profesionais do novo circo e das artes escénicas arredor dun programa que combina as actividades formativas coa exhibición de espectáculos no Salón Teatro. Deste xeito, a compañía pública convida tanto ao público xeral como á comunidade artística do novo circo galego a participar neste evento internacional.
O encontro, para o que se conta coa colaboración da Asociación Galega de Novo Circo e Cabaré Pistacinco e do Xacobeo 2010, enmárcase no programa Xóvenes Talentos do Circo Europeo (Jeunes Talents Cirque Europe-JTCE), iniciativa financiada pola Unión Europea para o apoio aos artistas emerxentes no ámbito do novo circo. A asociación francesa homónima encabeza este programa no que participan outras 12 entidades asociadas, entre as que o CDG figura como representante da Península Ibérica.

Dez xornadas de traballo

A comisión artística de JTCE seleccionou os 21 novos creadores europeos -sete deles galegos- convidados a participar nas actividades formativas de Circo Europa que se desenvolverán entre o 17 e 26 de xuño. Serán un total de dez intensas xornadas de traballo de adestramento, ensaio e intercambio de experiencias baixo a coordinación da coreógrafa Fatou Traouré e do autor, director e intérprete Jean-Michel Guy, presidente do xurado de Jeunes Talents Cirque Europe. Ademais, catro mestres galegos apoiarannos á hora de abordar as diferentes disciplinas vinculadas ao novo circo como xénero escénico. Estas sesións formativas complementarase con clases maxistrais e mesas redondas nas que se abordará tanto a situación actual do novo circo como o funcionamento de JTCE.

Canto ao programa de exhibición, o Salón Teatro acollerá os espectáculos Rúa Aire da compañía galega O Retrete de Dorian Gray (martes 22, ás 21.30 h) e Mi otro yo da formación hispano-belga Doble Mandoble (sábado 26 e domingo 27 ás 21.30 h), así como a Circo Europa Party (martes 29, ás 21.30) na que, baixo a coordinación de Pistacinco, participarán artistas locais e parte dos novos creadores europeos convidados. Santiago de Compostela como punto de encontro europeo será o tema central desta festa coa que se pechará a primeira edición de Circo Europa.