A SESIÓN MATINAL DEDICARASE AOS RELATORIOS E Á NOITE ACTUARÁN PETER PUNK, PEDRO CORREIA, CIRCOLANDO E DUELIRIUM

A Agadic patrocina a través de CREATIVA o I Foro Clown Galicia-Portugal na Estrada

[07/07/2010]
O programa CREATIVA, que promoven conxuntamente a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a portuguesa Direccão Regional de Cultura do Norte, patrocina o I Foro Clown Galicia- Portugal, que se celebra o vindeiro venres 9 de xullo na Estrada como evento previo e complementario ao Festival Rock & Clown. O Concello da Estrada colabora nesta primeira edición do foro, que se estenderá ao longo de toda a xornada con presentacións de iniciativas, relatorios, proxeccións audiovisuais e os espectáculos que se exhibirán no transcurso da Gala de clown galego-portuguesa.
O Teatro Principal acollerá as actividades matinais, que darán comezo ás 10.00 horas coa presentación da nova escola de circo para mozos que Pista Catro porá en marcha este verán en colaboración co Concello da Estrada. A continuación, terán lugar tres relatorios a cargo do clown portugués Pedro Correia (10.30 h), da compañía lusa Circolando (11.15 h) e do galego Iván Prado (11.45 h), director do Festiclown, Magiclown e FiraMagica. Todos eles achegarán aos asistentes as súas respectivas experiencias artísticas e profesionais no ámbito do circo.

Esta primeira parte do programa pecharase coa proxección do documental Mashi: trasi que trasi!, que narra a viaxe da caravana do colectivo Pallasos en Rebeldía , que en 2009 percorreu varias localidades cisxordanas ofrecendo actuacións, obradoiros de risoterapia, clown, etc. Presentarase así mesmo a edición 2010 do encontro Festiclown Palestina.

Estrea absoluta

Xa pola noite, o escenario do I Foro Clown trasladarase á praza da Constitución, onde a partir das 22.00 horas celebrarase unha gala na que participarán catro formacións de ambos lados da fronteira: as galegas Peter Punk, coa primeira posta en escena do seu novo espectáculo antes da súa estrea oficial no Festiclown 2010, e Duelirium, cos seus números aéreos; e as portuguesas Circolando, co espectáculo Charanga , e Pedro Correia, con E-se.

CREATIVA é un programa con financiamento a cargo dos fondos FEDER da Unión Europea que se vén desenvolvendo desde decembro de 2009 mediante distintas propostas para a difusión das industrias culturais do sur de Galicia e do norte de Portugal. Así, a participación nos festivais Play-Doc de Tui e de Cans (O Porriño), ou o evento musical Cores do Atlántico que acolleu a Illa de San Simón o pasado 14 de maio, foron algunhas das accións levadas a cabo durante 2010 dentro de CREATIVA. Ademais do Foro Clown da Estrada, neste mes de xullo o programa apoiará así mesmo a presenza portuguesa na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (Ourense).

Na imaxe, José Antonio Dono, alcalde da Estrada, e Juan Carlos Fernández Fasero, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, durante a presentación do Foro Clown.