CONTINÚAN AS ACCIÓNS DE DINAMIZACIÓN DA INDUSTRIA CULTURAL DE GALICIA E NORTE DE PORTUGAL MEDIANTE UNHA ACHEGA DE 20.000 EUROS AO EMBLEMÁTICO CERTAME

A Agadic apoia mediante o programa "Creativa" a participación portuguesa na MIT de Ribadavia

[12/07/2010]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) achega mediante o programa europeo CREATIVA un total de 20.000 euros destinados a incentivar a presenza de creadores, intérpretes e proxectos portugueses na Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, que se celebrará do 16 ao 24 de xullo. A entidade da Consellería de Cultura e Turismo continúa, deste xeito, as accións de dinamización da industria cultural de Galicia e Norte de Portugal co patrocinio da participación das compañías de rúa e novo circo lusas PIA (Projectos de Intervençao Artística) e Circolando, así como do creador e dinamizador cultural João Pedro Vaz en varias actividades do emblemático certame ourensán.
Así, a programación da que será a vixésimo sexta edición da MIT contará coa representación do espectáculo titulado Humanum Fatum, produción do colectivo de teatro de rúa PIA, na noite do sábado 17 ao domingo 18 (1:00 horas) na Praza Maior de Ribadavia e dentro da sección Espazo Ruadavia. Pola súa banda, a compañía de novo circo Circolando ofrecerá un obradoiro de teatro de obxectos na alameda de Ribadavia o domingo 18 de 10:00 a 14:00 horas, o mesmo emprazamento no que á 1:00 da madrugada levará a cabo a representación da súa montaxe Paisagens em Transito.

A presenza portuguesa completarase cunha visión sobre o teatro amador transfronteirizo a través de dous encontros con João Pedro Vaz, responsable de Comédias do Minho (proxecto teatral conxunto que se está a levar a cabo nas localidades de Monçao, Melgaço, Paredes de Coura, Vila Nova da Cerveira e Valença) así como da iniciativa Buxiganga, que desenvolve a Deputación de Lugo. O primeiro encontro terá lugar o sábado 17 ás 12:00 e o segundo o venres 23 ás 12:30 horas do mediodía, ambos os dous no Club Artístico de Ribadavia.

A través de CREATIVA, a Agadic e a Direccão Regional de Cultura do Norte (do Ministèrio de Cultura de Portugal), levan adiante un programa cultural interdisciplinar iniciado en decembro de 2009 con catro foros de debate e intercambio (sobre artes escénicas, audiovisual, música e produto gráfico) celebrados en Vigo. Co financiamento a cargo de fondes FEDER da Unión Europea, o proxecto avanzou no presente ano na súa efectividade integradora e de creación de sinerxías de traballo común entre as poboacións asentadas a ambas beiras do Miño con intervencións no Festival Play-Doc de Tui, no Festival de Cans (O Porriño), no concerto multimedia Cores do Atlántico que se celebrou na illa de San Simón o 14 de maio ou no recente I Foro Clown Galicia-Portugal que tivo lugar no Concello da Estrada o pasado día 9.