A AGADIC APOIARÁ A SÚA PRESENZA EN CONPENHAGUE E PRESTARÁ COBERTURA LOXÍSTICA ÁS EMPRESAS DESPRAZADAS

Mercedes Peón participará en Womex 2010 como primeira artista galega seleccionada pola sección oficial do certame

[22/07/2010]
Mercedes Peón actuará o próximo 29 de outubro no Womex de Copenhague como primeira representante da música galega seleccionada expresamente pola sección oficial deste certame, o máis importante a nivel internacional especializado en world music . A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo apoiará a presenza da artista galega neste encontro polo pulo que supón a súa participación para toda a industria musical do país; e prestará así mesmo cobertura loxística ás empresas produtoras e distribuidoras do sector que se despracen este ano á capital dinamarquesa.
O traballo de Mercedes Peón foi seleccionado entre máis de 800 propostas de todo o mundo polo xurado constituído especialmente para o festival. A compositora e instrumentista amosará a súa persoal performance , un espectáculo interdisciplinar froito dunha contemporaneidade sen complexos que inclúe a variedade das súas composicións e no que Peón interpreta todos os instrumentos e interactúa con cada un deles. Trátase da manifestación froito dunha investigación profunda de carácter electroacústico que atopa as súas orixes dentro e fóra das nosas fronteiras, o que fai desta artista unha aposta segura pola continuidade da escena etnocontemporánea en Europa.

A actuación en Womex, que coincidirá, ademais, coa saída ao mercado do cuarto traballo discográfico de Mercedes Peón, levarase a cabo dentro do apartado de showcases da programación oficial, que este ano se desenvolverán nos edificios Forum e Koncerthuset de Copenhague.

O xurado

Coñécense co apelativo de "os sete samurais" as sete personas, representativas de diferentes culturas e ámbitos musicais de todo o mundo, que son designadas anualmente pola organización do Womex para seleccionar as propostas musicais que se exhibirán en cada edición.

Este xurado, que basea o seu ditame atendendo a criterios de calidade e diversidade, estivo integrado nesta ocasión por Peter Hvalkof (Dinamarca), director do Roskilde Festival; Melita Jurkota (Croacia), directora di gandusiana Rovinj Festival; Paulo André Moraes Pires (Brasil), codirector do PortoMusical; Corinne Serres (Francia), directora de mad Minute Musica; e Diego Siegelwachs (Arxentina-Alemaña), director de La Regla.

O Womex

O Womex (The World Music Expo) é a feira para profesionais do eido da música étnica e de raíz máis importante do mundo. Con administración permanente en Alemaña, mantén unha filosofía itinerante (varía o lugar de celebración cada tres anos) e supón unha cita ineludible para todos os axentes do sector, aos que se lle ofrece unha variada programación de conferencias, documentais, propostas artísticas e concertos. A edición de 2010 será a décima da historia do Womex e celebrarase por segundo ano consecutivo en Copenhague entre os días 27 e 31 de outubro. Está está prevista a asistencia de máis de 3.000 delegados (entre artistas, axentes, promotores, fonografistas, distribuidores, institucións, prensa especializada e servizos de promoción) procedentes de 100 países.