AS REPRESENTACIÓNS SERÁN O MÉRCORES 28 E O XOVES 29 ÁS 21:30 HORAS

O Salón Teatro despide a temporada con dúas funcións de "Etheria, a viaxe soñada" a cargo do Centro Coreográfico Galego

[26/07/2010]
O Salón Teatro de Santiago despide a temporada de exhibición 2009-2010 con dúas funcións do espectáculo do Centro Coreográfico Galego Etheria, a viaxe soñada, que terán lugar os días 28 e 29 de xullo ás 21:30 horas. A peza que dirixe a coruñesa Mercedes Suárez é a cuarta produción propia da unidade de danza pertencente á Consellería de Cultura e Turismo a través de Agadic.
A primeira peregrina

Etheria, a viaxe soñada amosa unha particular visión do mundo das peregrinacións a través da recreación da historia da muller que puido ser a primeira peregrina galega.

A montaxe combina a interpretación de 12 bailaríns e bailarinas de distintas procedencias xeográficas e disciplinas coas colaboracións artísticas de destacados profesionais galegos. Tal é o caso da música especialmente composta para a ocasión por Isaac Garabatos e executada en directo polos oito membros do grupo multiinstrumental ISGA Collective, a participación en escena da vocalista Rosa Cedrón como artista invitada, así como o traballo de Antonio F. Simón nos deseños de escenografía e iluminación ou de Marcos Garabán no de vestiario.

A produción parte, na súa xénese, dunha sólida base histórica, cargada de documentadas alusións a coñecidas figuras da antigüidade galega, o que non impide á súa directora e coreógrafa, Mercedes Suárez, introducir no seu desenvolvemento elementos anacrónicos, reivindicando así o espírito universal e atemporal das grandes viaxes ao longo da historia da humanidade e da mitoloxía. Todas estas viaxes teñen en común ser froito dunha chamada no interior das persoas, dunha necesidade espiritual que se satisface a través do avance nun camiño.

Así, Suárez é quen de deseñar unha peza audaz e dinámica pola súa capacidade de combinar, de xeito tan equilibrado como fluído, as representacións da historia milenaria con elementos da máis cotiá actualidade, a simboloxía clásica cos patróns máis contemporáneos.

Precisión e sentimento

A bailarina Irene Rubio interpreta por medio da danza todas as dimensións de Etheria: a súa crenza no movemento priscilianista, a súa procedencia nobre, o seu forte carácter e a súa instruída formación. Todo o corpo de baile (que completan Ariel Caramés, Miguel Ángel Ponte, Elena Chamorro, Fátima Fernández, Beatriz Garrido, Ástrid Molinero, Lucía Antonella Sampieri, Pablo Aradillas, Juan Miguel Hernández, Pastor Rodríguez e Carlos Ugarriza) leva a cabo unha actuación que une plasticidade, precisión e sentimento en secuencias coreográficas de gran forza, tanto nas escenas corais coma nos pas de deux que se executan.

A montaxe audiovisual que se proxecta no fondo dun escenario -que aparece practicamente limpo para a súa total entrega ao baile- contribúe de xeito decisivo á construción da paisaxe de imaxes e localizacións que evoca o argumento e que traslada o espectador ás distintas latitudes xeográficas que visita Etheria.

A acción sitúase na viaxe de volta de Oriente Medio a Gallaecia da protagonista. Etheria sinte o impulso interior de emprender unha viaxe ao exterior, empurrada pola súa ousadía e polas súas convicións na fe e nas máximas de Prisciliano, personaxe que se adiviña na trama. Á vez, Prisciliano protéxea no seu periplo das tentacións terreais, sempre personificadas na figura simbólica do sátiro, coa que se fai un aceno ás relacións humanas establecidas na peregrinación e que transcenden o seu espírito relixioso.

As entradas para asistir as representacións de Etheria, a viaxe soñada no Salón Teatro estarán á venda no despacho de billetes os días das funcións a partir das 19:30 horas. Tamén se poden adquirir xa por anticipado, telefonicamente a través do número do servizo de telentrada 902 43 44 43 ou da web caixagalicia.es.