PRESENTÁRONSE 215 PERSOAS PARA OBTER ALGÚN PAPEL DOS SEIS PERSONAXES DO ESPECTÁCULO

O Centro Dramático realizará audicións a 64 actores e actrices que aspiran a integrar o elenco de "Salomé"

[29/07/2010]
O Centro Dramático Galego (CDG) realizará audicións a 64 actores e actrices que aspiran a obter algún dos papeis dos seis personaxes previstos para o espectáculo Salomé, primeira produción da compañía pública para a próxima temporada coa que se abre a xestión de Blanca Cendán como directora da entidade. As probas realizaranse no Salón Teatro ao longo da semana que vén diante dun tribunal no que participará Carlos Santiago, director de escena escollido para montar unha adaptación da obra orixinal de Oscar Wilde.
Inicialmente foi un total de 215 persoas as que enviaron a súa solicitude para participar nas devanditas audicións, a meirande parte delas galegas, aínda que tamén houbo propostas procedentes de puntos de España, como Cantabria ou Madrid; e mesmo doutros países como Portugal, Italia ou Alemaña. Entre os interesados figuran tanto intérpretes novos e de formación recente, actores e actrices consagrados con longa traxectoria no teatro galego, e tamén nomes ben coñecidos polos espectadores polos seus traballos en cine e televisión, como é o caso de Serxio Pazos, Sara Casasnovas ou Uxía Blanco.

Perfís dramatúrxicos

Á vista de todas as candidaturas presentadas, realizouse unha primeira preselección, atendendo a criterios de perfil dramatúrxico e coa finalidade de garantir o equilibrio e a solidez do equipo actoral definitivo. Os 64 preseleccionados someteranse ás probas do 2 ao 5 de agosto, a razón de 8 aspirantes en cada quenda de mañá e tarde.

O xurado avaliará a cada un dos aspirantes, que deberán someterse a unha entrevista persoal, unha proba de texto e outra proba de interpretación específica para cada personaxe. Ademais, no caso concreto do papel de Salomé , as actrices convocadas terán que executar un baile a partir da música da Danza dos sete velos e unha improvisación coreográfica.

Os actores e actrices que pasarán a integran o elenco definitivo iniciarán os ensaios o 27 de setembro na nave industrial de servizos múltiples que mantén a Agadic no compostelán polígono empresarial de Costa Vella. A estrea de Salomé será o 26 de novembro no Salón Teatro, onde se escenificará até o 19 de decembro para iniciar despois unha xira de tres meses de representacións por escenarios galegos e de fóra de Galicia.