O CONSELLEIRO DE CULTURA PRESENTA A MERCEDES SUÁREZ COMO NOVA DIRECTORA DO CCG, QUE BUSCA ESTENDER O SEU TRABALLO AOS DIFERENTES XÉNEROS NO ÁMBITO DA DANZA

O Centro Coreográfico Galego inicia unha nova etapa apostando pola distribución continuada e o apoio á formación

[24/08/2010]
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, presentou hoxe a Mercedes Suárez como nova directora do Centro Coreográfico Galego (CCG), entidade que inicia unha nova etapa buscando estender a súa actividade aos diferentes xéneros dentro da danza, así como unha maior proxección exterior do seu traballo e o reforzo do ámbito formativo. Neste acto avanzáronse, asemade, as que serán as principais liñas de traballo da coreógrafa coruñesa á fronte desta unidade integrada na estrutura da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).
Na súa intervención, o conselleiro destacou especialmente a aposta de Mercedes Suárez no sentido de dotar de maior continuidade ás producións desenvolvidas polo CCG, de xeito que "lonxe de ter unha data de caducidade na súa distribución, as novas creacións pasen a incorporarse a un repertorio propio co que configurar espectáculos polivalentes que poidan ser representados durante todo o ano". O obxectivo é conseguir unha mellor adecuación das propostas aos diferentes escenarios e públicos ante os que se presente o Centro como vía para garantir unha maior proxección e repercusión do seu traballo tanto dentro como fóra de Galicia.

Colaboración co ensino

Tal e como avanzou a directora, a entidade ten previsto realizar dúas producións anuais: a primeira delas, que será estreada no primeiro trimestre de 2011, elixirase entre diferentes propostas coreográficas solicitadas a creadores de recoñecido prestixio, mentres que a segunda desenvolverase no segundo trimestre do ano coa colaboración directa dos conservatorios profesionais e de diferentes escolas de danza de Galicia, como xeito de apoiar a ensinanza e ofrecer novos alicientes tanto ao alumnado como ao profesorado. Neste caso, incorporaranse estudantes ao elenco da peza a través da convocatoria de audicións en diferentes localidades galegas.

Segundo manifestou Roberto Varela, "apoiar o mantemento do rigor artístico e técnico como máxima de todo traballo de creación, investigación e interpretación coreográfica" é o principal obxectivo das distintas iniciativas encamiñadas a reforzar e incentivar a formación no ámbito da danza, entre as que se contempla igualmente a organización de talleres específicos impartidos polos propios profesionais do CCG, a celebración de conferencias e funcións didácticas a través das que se introduza os máis pequenos no mundo da danza e a realización dunha gala protagonizada por bailaríns galegos integrantes de destacadas compañías internacionais.

Coproducións

Ao tempo, o Centro Coreográfico Galego dará continuidade a outras actividades xa iniciadas na etapa anterior como o programa de coproducións e as residencias artísticas, entre outras. Neste apartado, o conselleiro de Cultura anunciou a publicación, a través das páxinas web da Agadic e do CCG, da convocatoria de coproducións 2010, para a que se reserva un orzamento total de 40.000 euros destinado a apoiar entre unha e tres propostas, seleccionadas previa valoración dun comité técnico. Ademais da achega económica, os proxectos elixidos recibirán asistencia artística e técnica a través dun servizo de análise, asesoramento e planificación de estratexias de xestión, financiamento e comercialización, entre outros aspectos.

Canto ás residencias artísticas, Varela Fariña adiantou que nestes momentos a dirección do Centro, conxuntamente coa da Agadic, está a estudar unha posible reformulación do seu apoio a artistas en residencia co fin de obter unha "maior repercusión e mellor aproveitamento" desta iniciativa polo conxunto do sector en Galicia. A previsión é que a nova convocatoria poida facerse pública a partir de setembro.

Ademais, o titular de Cultura quixo subliñar a traxectoria de Mercedes Suárez tanto no ámbito da formación e creación, como no da dirección e xestión da súa propia compañía, como o "mellor aval" para o futuro do CCG. De feito, a coreógrafa coruñesa accede ao cargo despois de que o pasado 4 de agosto o Consello de Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais resolvera o seu nomeamento á vista da súa "sólida formación e ampla experiencia profesional". Estes foron os principais criterios tidos en conta para valorar a súa candidatura como a que mellor se adecuaba ao perfil necesario para dirixir o Centro Coreográfico Galego, trala análise do total de 16 propostas admitidas ao proceso de selección.

Nada na Agualada, no concello coruñés de Coristanco, Mercedes Suárez é titulada superior en Danza polo Real Conservatorio de Danza de Madrid, e en Anatomía e Biomecánica aplicada á danza pola Universidade de Alcalá de Henares. Inicia a súa formación artística a partir de 1968 con notables mestres de danza clásica e contemporánea en diferentes países, comezando a súa carreira como bailarina en 1973 no Ballet Clásico de Madrid. En 1981 funda na Coruña a Escola de Danza Druída, mantendo dende entón unha intensa actividade docente.

Na súa faceta de coreógrafa, conta cunha ampla experiencia a nivel nacional e internacional, con numerosos traballos asinados tanto para Druída Danza, compañía que fundou nos anos oitenta, como para outras formacións escénicas, ademais de para diferentes producións musicais e audiovisuais. É, así mesmo, a creadora e directora de Etheria, a viaxe soñada, última produción do Centro Coreográfico Galego estreada o pasado 3 de xullo na Coruña e que nestes momentos se atopa en xira por diferentes escenarios galegos.