A ENTIDADE DA CONSELLERÍA DE CULTURA APOIA 38 PRODUTORAS INDEPENDENTES PARA A REALIZACIÓN DE 13 LONGAS, 23 DOCUMENTAIS E 7 PELÍCULAS PARA TELEVISIÓN

O audiovisual galego recibe preto de cinco millóns de euros en axudas da Agadic para a produción de 43 longametraxes e documentais

[26/08/2010]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acordou a adxudicación dun total de 4.980.000 euros en axudas a un total de 38 empresas audiovisuais galegas para a realización de 43 producións e coproducións, das que 13 corresponden a longametraxes cinematográficas, 7 a películas para televisión e 23 a documentais de creación e difusión. A entidade da Consellería de Cultura e Turismo completa así a resolución das súas principais liñas de subvención ao audiovisual galego, ao que destina un total de 7.060.000 euros a través das seis modalidades convocadas este ano.
Xestionado por segundo ano consecutivo a través da Agadic, o programa de apoio económico a este sector mantén unha tendencia ascendente respecto ao orzamento total comprometido (7,06 millóns de euros en 2010 fronte a 6,90 millóns en 2009), do que máis dun 70 por cento corresponde ás axudas para producións e coproducións audiovisuais que, á súa vez, experimentan un aumento de 130.000 euros na súa dotación respecto ao ano pasado.

Imaxe real e animación

Este incremento trasládase, así mesmo, á cifra de proxectos subvencionados este ano, dentro da que sobresae tanto o número de longametraxes cinematográficas (13 en 2010 fronte a 7 o ano pasado), como o de documentais (23 fronte a 13 en 2009). Así, distribuirase un total de 3,3 millóns de euros entre as longametraxes "A cicatriz branca" de Nós Produtora Cinematográfica Galega, "Conto de lobos de Félix Rodríguez de la Fuente" de Perro Verde Films, "Lobos de Arga" de Vaca Films Studio, "O ouro do tempo" de Xamalú Filmes, "O señor de Bembibre" de Ibisa Televisión, "Onde está a felicidade?" de Filmanova Invest, "Os fenómenos" de Tic Tac Producciones, "Personal movie" de Sun Lúa, "Querida Gina" de Artemática, "Rosario" de Juan Ignacio Abia Carrera, "Sinbad" de Ficción Producciones, "Vilamor" de Vía Láctea Filmes e "A tropa de trapo na selva do arcodavella" de Abano Produciones, esta última presentada como proxecto de animación.

Canto ás películas para televisión, destínase un total de 885.649 euros á produción de sete filmes: "Coma nenos" de Bren Enterteinment, "Concepción Arenal, a loita pola dignidade humana" de Zenit Televisión, "Descanse en paz" de Portocabo TV, "O que tal choveu" de Continental Producciones, "O síndrome cacareco: a verdade na cara" de Formato Producciones, "Outro máis" de Filmanova e "Todos os santos" de Artemática.

Por último, os 760.449 euros restantes adxudicáronse a 23 documentais, dos que cinco corresponden á categoría de creación ("Arte dramática" de Ares y Torrón Press Comunicación, "Calendario extravagante" de Lugopress, "Inventarios. O galego que inventou a lúa" de Servicios Audiovisuais Galegos-SAGA TV, "Polo amor de John! (For John's sake!)" de TV Siete Productora de Vídeo e "Uxío Novoneyra, poeta/alén" de G Seis Audiovisuais) e 18 á de difusión ("A memoria filmada" de Filmanova Show, "A paixón de María Soliña" de Productora Faro, "Desde dentro do corazón" de Nova Comunicación Producción, "Diego Xelmírez, o home que soñou Compostela" de Infernos TV, "El perro azul, vida e obra de Xaime Quessada" de Productora Faro, "Eles coma nós" de Nemedón, "En calquera lugar" de Zoamedia, "Extremo sur. Unha viaxe á fin do mundo" de Zenit Televisión, "Javier Ozores, unha vida de cine" de Formato Producciones, "Jazz en liberdade" de Matriuska Producciones, "Macorinas, galegas baixo a luz vermella habaneira" de Mr. Misto Films, "Náufragos. Volver do mar" de La Opinión de A Coruña Media, "Nos mundos de Barriga Verde" de Tintimán Audiovisual Programación e Formación Cultural, "O mundo de Xiao" de Theseus Films, "O reloxeiro" de Adivina Producciones, "Os Tamara, ao redor do mundo" de Centroña Producións Audiovisuais, "Revelado e contactos" de Ignacio Benedeti Cinema e "Vidas virtuais" de Xamalú Filmes).

Catro anualidades

O importe total outorgado ás axudas para producións e coproducións audiovisuais distribuirase ata 2013 (1.400.000 euros en 2010, 1.400.000 en 2011, 1.380.000 en 2012 e 799.386 en 2013) e o prazo de xustificación de cada anualidade rematará o 31 de outubro do ano correspondente.

Trala publicación dos adxudicatarios e contías concedidas no marco desta liña de apoio, tan só quedaría pendente a resolución definitiva das axudas de concesión automática para a amortización de custos de produción, para as que continúa aberto o prazo de solicitude. Ademais, a través do resto de convocatorias resoltas, a Agadic destina 450.000 euros a 20 propostas de desenvolvemento de proxectos audiovisuais, 350.000 euros ao desenvolvemento e produción de 16 proxectos de contidos dixitais e interactivos, 300.000 euros a 33 novos creadores para promover o talento audiovisual galego e 180.000 euros á produción de 17 curtametraxes e videoclips.