MAÑÁ ÁBRESE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA ESTE ENCONTRO INTENSIVO, QUE SE DESENVOLVERÁ DO 27 AO 30 DE SETEMBRO EN SESIÓNS DE SETE HORAS DIARIAS

O CDG organiza no Salón Teatro un curso sobre Shakespeare para actores a cargo de Alfredo Padilla

[31/08/2010]
O Centro Dramático Galego (CDG) organiza o Curso sobre Shakespeare que Alfredo Padilla, actor arxentino afincado en Galicia, impartirá do 27 ao 30 de setembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Especialista en teatro shakespeariano pola Royal Academy of Dramatic Art de Londres, Padilla desenvolverá cos alumnos as potencialidades creativas arredor da obra do gran dramaturgo inglés, tendo en conta o estilo, o xogo dramático e o contorno no que se desenvolve o actor.
Para a posta en marcha deste curso, cóntase así mesmo coa colaboración do escritor Alfredo Conde, autor da versión en galego dos textos sobre os que se traballará nas sesións lectivas, coa conseguinte achega ao repertorio shakespeariano en lingua galega.

O CDG oferta un máximo de 20 prazas dirixidas a persoas con especial interese no traballo actoral arredor do teatro de William Shakespeare, preferiblemente con experiencia ou con formación probada nas artes escénicas. O prazo de inscrición permanecerá aberto dende mañá día 1 ata o 22 de setembro e o prezo da matrícula é de 40 euros.

Formación especializada

O obxectivo do encontro é ofrecer aos participantes coñecementos e técnicas de interpretación adquiridos polo profesor durante a súa estadía na Royal Academy of Dramatic Art, que dende hai máis de cen anos é a academia de formación de actores skakespearianos por excelencia e na que estudaron figuran tan célebres como John Gielgud, Anthony Hopkins ou Kenneth Brannagh, entre outros.

Deste xeito, abordarase o traballo do actor en Shakespeare a través da improvisación e da experimentación, así como do estudo da linguaxe, o estilo e o personaxe dentro do texto. Ademais, a posta en escena prepararase a partir de diferentes técnicas vocais e corporais.

A continuación, os alumnos introduciranse de cheo no mundo do gran dramaturgo a partir de diferentes monólogos e escenas, analizando personaxes shakesperianos en comedias e traxedias, o ritmo, o espazo e as intencións dentro dos seus textos. Ademais, e tras seleccionar varias escenas para traballar directamente sobre elas, levarase a cabo unha semi-montaxe das mesmas con todos os participantes.

Durante a súa estadía no Reino Unido para realizar o seu posgrado sobre o teatro de Shakespeare, Padilla estudou con Nona Shepphard, John Adams, Hugh Fraser (monólogos), Nick Hutchison (monólogos e escenas de multitudes en Shakespeare), Katya Benjamin e Alexander Technique (movemento e Physical Performance), Andrew Charity (canto shakespeareano), Greg De Polnay (linguaxe e estilo), Tim Hardy (escenas), Michael Gieleta (a personaxe dentro do texto), Alison Skilbeck (sonetos shakespereanos), Brigid Panet (escenas), Darren Royston (danza de época), Brett Yount (loita escénica), Adrienne Thomas (técnica vocal), Jessica Turner (sonetos) e Andrew Visnevski (escenas).

Cada un destes docentes teñen unha forte vinculación ao mundo de William Shakespeare no Reino Unido, xa sexa dende a BBC, a Royal Shakespeare Company, o Old Vic theatre, o Young Vic Theatre ou o mesmo Globe Theatre.

Ademais, en 2009 Alfredo Padilla estreou en Londres e baixo as ordes de John Adams, director de escena da Royal Academy of Dramatic Art dende hai trinta anos, The Fall of Anthony, unha versión de textos de Skakespeare a partir de Xulio César e Antonio e Cleopatra na que interpretou os papeis de Xúlio César e Marco Antonio.