A MONTAXE DE JOSÉ PRIETO ESCENIFICARASE O VENRES 10 E O SÁBADO 11 ÁS 20.30 HORAS

O Salón Teatro abre temporada co espectáculo "Life is a paripé" da compañía compostelá Obras Públicas

[00/00/0000]
O Salón Teatro de Santiago inaugura o vindeiro venres 10 de setembro a súa nova temporada de exhibición con dúas funcións do último espectáculo da compañía Obras Públicas, Life is a paripé<7a>, que terán lugar o venres 10 e o sábado 11 ás 20.30 horas. O espazo que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) abre así un novo ciclo de programación cuadrimestral, que será presentado publicamente o vindeiro xoves día 9.
A formación compostelá Obras Públicas propón con este espectáculo un novo xénero de teatro, o paripé, onde a parodia e o humor deben ser rescatados dos bares e levados de volta aos teatros. César Goldi, Mos e Iolanda Muíños compoñen o trío interpretativo desta montaxe dirixida polo gañador de dous premios Max José Prieto na que -segundo a propia compañía- mesturan en proporcións similares música (33%), teatro (33%) e cachondeo (33%), o que dá un total final de cen por cen de "paripé".

Reflexión sobre as aparencias
Life is a paripé está estruturada en once "sketches" que convidan a reflexionar sobre o que somos e o que aparentamos ser: Desfile de moda sexual, Reencontro de amantes, A castración de Manolo, O verdadeiro "Jamlet", Campións de zapping, Balada punkie para Cecilia, Drama do Actors Studio, A poetisa Sinforosa Prados, Zarzuela de gilipollas, Netos de Peter, Paul and Mary e Os nenos do Muro de Pink Floyd.

As entradas para as dúas representacións de Life is a paripé poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Ademais, poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e no teléfono a través do teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).