A PRODUCIÓN FEITA PARA A MIT DE RIBADAVIA VERSIONA POR PRIMEIRA VEZ AO GALEGO UN TEXTO DE THOMAS BERNHARD

A nova compañía Ónfalo presenta no Salón Teatro dúas funcións de "Na meta (sálvese quen poida)"

[16/09/2010]
O Salón Teatro de Santiago acolle mañá venres día 17 e o sábado 18 ás 20:20 horas dúas representacións de Na meta (sálvese quen poida) , unha montaxe de Ónfalo Teatro en coprodución coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia que, en clave de humor, reflexiona sobre o éxito e o fracaso, sobre o camiño cara á meta de cadaquén e o que nel se perde e se gaña. Con dramaturxia e dirección de Ana Contreras e Afonso Becerra de Becerreá, e interpretada por Rut Balbís, Luísa Merelas e Toni Salgado, a compañía lucense pon en escena esta peza do dramaturgo austríaco Thomas Bernhard, que se traduce por primeira vez á lingua galega.
Estreada no pasado mes de xullo na MIT, esta comedia negra combina a acción escénica coas linguaxes da danza, a instalación, a performance, o clown, a acrobacia e outros recursos que enriquecen a súa plasticidade e afían o significado da obra. Para a posta en escena, Ana Contreras asumiu tamén o deseño da iluminación e o espazo sonoro, Diego Costa asinou a escenografía e o vestiario e Rut Balbís encargouse das achegas coreográficas.

Dinámicas de dependencia
En Na meta , unha nai de moito xenio saca a súa metralladora verbal e fai saltar polos aires algúns dos piares da sociedade. A nai viúva e a filla solteira reproducen dinámicas de dependencia, tiranía e submisión. Un escritor novo, que acaba de triunfar no teatro, diríxese cara á meta das dúas espectadoras que orquestran esta comedia cáustica.

A obra de Thomas Bernhard está sustentada en dous piares: a musicalidade e o humor. A primeira ten que ver coa forma, a enunciación de frases, a repetición e variación, o desenvolvemento, o ritmo, a respiración e cadencias. A montaxe de Ónfalo traslada estes conceptos sonoros á imaxe plástica e dinámica do espectáculo, de modo que guían tanto a escenografía como a composición lumínica e o movemento coreográfico.

Con respecto ao segundo piar, Bernhard ten de si mesmo a imaxe do vello bufón. O seu humor baséase en dicir a verdade da maneira máis crúa. Por iso é un humor amargo, traxicómico, porque parte da exposición das nosas máis profundas miserias. Pero, aínda que escaravelle no horror, a súa obra segue sendo humorística. O riso constitúe en si mesmo unha posibilidade de redención a través do coñecemento e do recoñecemento.

Ataque mordaz a valores tradicionais
Aparentemente, esta peza de teatro contemporáneo carece de argumento. No transcurso da acción, asistimos en tempo sincrónico a dous momentos dun mesmo día na vida de dúas mulleres, nai e filla, que invitaron un escritor e van de viaxe. O importante non é o que fan neste momento -preparar a equipaxe-, senón o que contan, toda a peripecia vital, revisada obsesivamente, que as levou a este instante de decrepitude e esperanza.

As accións que se relatan en Na meta (sálvese quen poida) , presenciadas, producirían arrepío, terror e piedade, pero a meta fica a unha distancia suficiente dos chanzos como para observar o camiño terrible con humor. A sinceridade de Bernhard fascina porque constitúe un ataque mordaz a valores tradicionais como son a familia, a maternidade, a rendibilidade económica, a virilidade, a feminidade, o triunfo ou a beleza. Bernhard inverte a típica relación na que se funda a comicidade e o riso, froito dunha relación estreita entre un obxecto risible e un suxeito que ri. Nesta dramaturxia os personaxes non son obxectos risibles senón actores suxeitos cuxa acción é o discurso, co que se ispen expoñéndose sen pudor. As palabras crean a distancia necesaria para o humor e a musicalidade do seu corpo, o das palabras, propicia o achegamento.

Nova compañía profesional
Ónfalo Teatro é unha compañía de teatro profesional fundada en xaneiro de 2009 por Ana Contreras (licenciada en Dirección Escénica pola Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid, onde exerce, actualmente, a docencia) e por Afonso Becerra de Becerreá (licenciado en Dramaturxia e Dirección polo Institut del Teatre de Barcelona e actualmente profesor titular da Escola Superior de Teatro de Galicia), co obxectivo de crear un teatro de calidade que chegue a todos os públicos. En novembro de 2009 estrearon o seu primeiro espectáculo, Neuras, de M.X. que acadou un grande éxito en todos teatros polos que pasou.

As entradas para as dúas representacións de Na meta poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da función. Poden adquirirse tamén por adiantado na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e a través do teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).