ESTA PRODUCIÓN, NA QUE O CINEASTA ÁLEX SAMPAYO DEBUTA COMO DIRECTOR TEATRAL, ESCENIFICARASE O SÁBADO 9 ÁS 20.30 HORAS E O DOMINGO 10 ÁS 18.00 H

A compañía compostelá Redrum Teatro representa esta fin de semana no Salón Teatro a obra de suspense "A pensión"

[07/10/2010]
O Salón Teatro de Santiago recibe esta fin de semana á compañía compostelá Redrum Teatro, que ofrecerá dúas funcións (sábado 9 ás 20.30 horas e o domingo 10 ás 18.00 h) de A pensión, obra de suspense que supón a primeira incursión teatral do cineasta lalinense Álex Sampayo. Rosa Álvarez, Tamara Canosa e Guillermo Carbajo protagonizan esta creación escénica, que explora as consecuencias da soidade mergullándose nun mundo interior complexo, produto do abandono, do illamento e da falta de comunicación.
A dificultade das relacións humanas e da convivencia son o fío condutor desta obra de autoría colectiva, asinada polo propio Sampayo xunto a Víctor Sierra e María S. Ferreiro, na que se reflexiona sobre a complexidade da psique humana. A montaxe expón como o abandono, a vellez e a soidade poden corromper o ser humano e despoxalo da capacidade de emocionarse e de ser feliz. Así é como desemboca nunha existencia gris, marcada polo silencio, pola desconfianza e a obsesión.

Conto gris
A pensión conta a historia de Sara, unha muller que viviu atrapada entre o traballo e a responsabilidade, situación que só se lle ensinou a vivir para os demais. Incapaz de superar estes esquemas cando xa non ten a quen coidar, esta muller busca desesperadamente unha alma xemelga que a cure da súa soidade, ao tempo que lle resulta imposible confiar en ninguén porque todos son "inmerecedores" do seu respecto.

Esta é a visión dunha persoa que se mimetizou tanto coa gaiola na que se viu condenada a vivir que na súa madurez non pode senón converter esa prisión nunha sorte de tea de araña na que gotean candidatos que ela examina, xulga e sentencia. Sara castígaos por non ser como deben ser, pola frustración que lle producen. Cada visitante é unha oportunidade de recuperar ao seu fillo e a dor da decepción xustifica, para ela, o castigo.

Procedentes do ámbito audiovisual
Álex Sampayo, máis coñecido pola súa traxectoria no eido audiovisual, xa que dirixiu multipremiadas curtametraxes e series de televisión como Terra de Miranda, Valderrei, Padre Casares ou El Internado, estréase como director escénico da man de Redrum Teatro. Para a posta en escena desta peza, a propia compañía fíxose cargo da escenografía, Manuel Riveiro asumiu o espazo sonoro; Carlos Álvarez Ossorio, o deseño da iluminación e María Fandiño, do vestiario.

Redrum Teatro e unha compañía creada por mozos e mozas procedentes de diversos campos do sector audiovisual que nace coa clara intención de ofrecer alternativas creativas que axuden ao desenvolvemento da industria teatral galega. Entre as súas máximas destaca a posta en escena de espectáculos dirixidos directamente ao público, primando a claridade nas historias pero sen esquecer un coidado concepto artístico.

As entradas para asistir ás representacións de A pensión poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Tamén poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para a función do sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.