BAIXO A DIRECCIÓN DE SERXIO COBOS, A COMPAÑÍA PONTEVEDRESA REPRESENTA A DUCIA DE HISTORIAS TEATRALIZADAS QUE SE RECOLLEN NO DVD HOMÓNIMO EDITADO POR CUMIO

Continúa o programa ST Música Presente co espectáculo de Bruma "Nove espellos e unha caixa de música"

[12/10/2010]
A compañía pontevedresa Bruma protagoniza mañá mércores, ás 21.30 horas no Salón Teatro de Santiago, unha nova actuación do programa "ST Música Presente", no marco do que presentará o seu DVD Nove espellos e unha caixa de música, editado por Cumio como resultado da gravación do espectáculo homónimo. Baixo a dirección artística e musical de Serxio Cobos, esta iniciativa mestura elementos circenses, toques teatrais e a atemporalidade da danza tradicional, clásica e contemporánea.
O espectáculo que Bruma escenificará no Salón Teatro está integrado por unha ducia de historias teatralizadas e interpretadas polos bailaríns Uxía Portela, Manuel Covas, María Prieto, Mercedes Prieto, Iván Costa, Miguel Fraguas e o propio Serxio Cobos. A intención da obra é reflectir a viaxe cara ao interior de cada persoa, ese lugar onde todos andamos buscando outros espellos humanos cuxo reflexo nos diga algo de nós. A partir desta reflexión e nun ambiente melancólico, romántico, escuro e máxico desenvólvese esta produción onde, en palabras da propia compañía, "a música é o son da danza e a danza, a imaxe do son".

Recuperar a esencia do baile
Serxio Cobos é un artista especializado na música e danza tradicionais galegas. Despois dunha primeira experiencia de traballo moi positiva en Trebón, grupo innovador de ritmos e movementos que tiña como base a técnica de danza galega, funda a compañía de danza Bruma.

As súas experiencias como bailador e músico en grupos de baile desde moi novo e a súa curiosidade por aprender directamente dos homes e mulleres que tocaban e danzaban de forma natural nos diferentes pobos galegos, conseguiron que se afastase do método de traballo dos grupos folclóricos abríndose camiño e buscando novas formas de expresar, emocionar e comunicar. Algúns exemplos son as súas colaboracións con grupos como Berrogüetto, Budiño, Marful ou Marta Quintana e composicións musicais para diferentes espectáculos como Isolma de GS21 ou Baile de soños de Circio. Ademais, imparte clases de baile tradicional co obxectivo de recuperar a esencia do baile como linguaxe expresiva, devolvéndolle a contemporaneidade que, segundo el, nunca debeu perder.

Promoción e difusión de traballos galegos
Deseñado e promovido pola Agadic en colaboración con AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), o ciclo "ST Música Presente" ten como prioridade ofrecer ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas desde unha perspectiva esencialmente comercial. As propostas teñen como principal obxectivo a presentación de novos traballos discográficos, aínda que tamén teñen cabida a organización de eventos musicais de carácter extraordinario, ben por unha especial combinación de artistas, ben pola execución dun repertorio ou formato especial, como acontece nesta ocasión.

As actuacións diríxense prioritariamente a un público especializado (programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e outros axentes culturais), abríndose tamén ao resto de espectadores interesados, en función do aforo dispoñible en cada caso.

Nesta segunda parte do ciclo, que deu comezo o pasado 21 de setembro cun concerto de Niño y Pistola, tamén presentará o seu novo traballo discográfico a cantautora coruñesa Silvia Penide (22 de outubro). A venda anticipada de entradas para ST Música Presente está operativa a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43, mentres que o despacho de billetes do Salón Teatro estará aberto dende dúas horas antes do comezo de cada actuación. Para todas as citas deste programa, establécese unha tarifa especial única de 5 euros por localidade.