OS COREÓGRAFOS SELECCIONADOS RECIBIRÁN APOIO ARTÍSTICO E TÉCNICO PARA DESENVOLVER OS SEUS PROXECTOS, ADEMAIS DUNHA DOTACIÓN ECONÓMICA DE ENTRE 2.000 E 6.000 EUROS

O Centro Coreográfico Galego abre un novo programa de apoio á investigación no ámbito da danza

[15/10/2010]
O Centro Coreográfico Galego (CCG) convocou un novo programa de apoio á danza dirixido á promoción da investigación no ámbito da creación coreográfica. Con esta iniciativa, que reformula e substitúe o anterior plan de residencias artísticas, a unidade da Agadic abre unha vía adicional de asesoramento e apoio económico para os coreógrafos e coreógrafas que desenvolvan o seu traballo en Galicia.
Así, os creadores seleccionados percibirán unha dotación económica de entre 2.000 e 6.000 euros para materializar as súas propostas, ademais de contar cun acompañamento artístico e técnico especializado durante o proceso de desenvolvemento dos seus proxectos, cunha duración estimada de entre dous e tres meses.

Os interesados teñen de prazo ata o vindeiro 20 de outubro para facer chegar ao Centro Coreográfico a solicitude normalizada, xuntando currículo e memoria explicativa. O comité de selección, que estará integrado pola directora e tres profesoras de baile e danza do CCG, manexará como criterios de avaliación aspectos como a solidez formal e conceptual, a calidade e interese, a contribución e influencia no sector da danza e a viabilidade. Valorarase, asemade, a traxectoria artística dos solicitantes, especialmente no ámbito das artes escénicas galegas.

Exhibición do traballo resultante
Os artistas seleccionados están obrigados a entregar un informe explicativo e gráfico de todo o proceso de investigación e a realizar, así mesmo, unha exhibición pública do traballo resultante, que se levará a cabo previsiblemente a principios de 2011.

A presentación pública destes traballos ten como principal obxectivo lograr unha maior repercusión social dos proxectos, así como o máximo aproveitamento desta iniciativa polo conxunto do sector en Galicia.