TERÁ LUGAR NO SALÓN TEATRO DO 26 AO 30 DE DECEMBRO COAS COMPAÑÍAS LIMIAR, BERROBAMBÁN, TANXARINA, TROMPICALLO E PANAMESIANA

O CDG organiza unha nova edición da Mostra de Teatro Infantil de Nadal

[04/12/2010]
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá do 26 ao 30 de decembro unha nova edición da Mostra de Teatro Infantil de Nadal, na que cinco compañías, todas elas galegas, escenificarán os seus últimos espectáculos especialmente deseñados para público familiar. Organizada polo Centro Dramático Galego (CDG), participarán no ciclo Limiar Teatro, Berrobambán, Tanxarina Títeres, Títeres Trompicallo e Panamesiana Teatro coas súas distintas propostas de teatro actor, clown ou monicreques.
Limiar Teatro e Mao Teatro en coprodución co CDG serán os que inicien esta programación o domingo 26 con Os 4 da Xunqueira. Trátase dunha proposta cómica dirixida a todos os públicos, baseada na historia da tradición oral Os catro amigos, presente tanto na cultura portuguesa como na universal. O espectáculo combina música en directo, danza, teatro e malabares para narrar a historia de Can, Boi, Gata e Galo, catro músicos que foxen da cidade buscando no mundo rural un lugar para vivir e ensaiar.

Teatro mudo e monicreques
Ao día seguinte, luns 27, Berrobambán porá en escena a montaxe Bicharada, coa que a compañía galega regresa ao terreo mudo, á linguaxe visual e ao humor sen palabras. A obra conta a historia de dúas veciñas -unha araña e unha formiga- que aínda que teñen costumes ben distintas se levan ben. A primeira almacena provisións no seu formigueiro e a segunda tece a súa tea para cazar presas. Pero algo cambia cando chega un novo veciño, un escaravello, cuxa integración vai ser máis complicada do que podería parecer.

Os monicreques chegarán á Mostra o martes 28 da man de Tanxarina Títeres con Trogloditas, un espectáculo ambientado na prehistoria onde tres homes das cavernas convidan aos asistentes a coñeceren o seu particular xeito de vida. A través da linguaxe corporal e de sons primitivos, os actores interactúan cos espectadores, nun contexto dinámico e cheo de situacións cómicas.

Trompicallo Teatro presentará o mércores 29 O día que chegou un nube e choveu, a última produción da compañía, unha das máis consolidadas no panorama dos títeres en Galicia. Esta montaxe de monicreques de xénero eminentemente cómico e para nenos e nenas con idades comprendidas entre 1 e 5 anos, achega os máis pequenos á natureza e á importancia da auga nas nosas vidas.

A nova compañía Panamesiana Teatro será a encargada de pechar a Mostra de Teatro Infantil de Nadal o xoves 30 con Oh, que bonito é Panamá!, obra resultante da adaptación ao galego do conto do ilustrador e narrador alemán Janosch, unha peza teatral popularizada na maior parte de Europa pero practicamente descoñecida en Galicia e en España. A obra conta a viaxe que Oso e Tigre emprenden ata Panamá seducidos polo aroma a plátanos dunha caixa que leva inscrito o nome dese país. Polo camiño atópanse cun León de peregrinación a Compostela, co que fan amizade e intercambian experiencias. A inocencia, a amizade, o respecto á natureza e a felicidade das cousas pequenas son os protagonistas absolutos deste xogo de teatro, monicreques, música e clown.