O ORGANISMO DA CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO E OITO EMPRESAS GALEGAS PARTICIPAN EN MISIÓN COMERCIAL NA FEIRA DE MÚSICA QUE SE DESENVOLVE NA CIDADE DE BELO HORIZONTE

A Agadic acada en Brasil un acordo de cooperación coa Fundación Funarte

[10/12/2010]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acadou en Brasil un acordo de cooperación cultural coa Fundación Nacional das Artes (Funarte), organismo dependente do Ministèrio de Cultura do goberno federal brasileiro, mediante o que se establecen distintos mecanismos de colaboración para o intercambio de información sobre políticas culturais e de proxectos de exhibición artística co obxectivo de reforzar a posición de Galicia como ponte para a introdución de artistas e grupos brasileiros no mercado europeo.
O director de Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero, que participa estes días en Belo Horizonte (capital do estado de Minas Gerais) na Feira Música Brasil (FMB) xunto a unha delegación integrada por oito empresas musicais galegas e dúas asociacións do sector desprazadas en misión comercial a este evento, estableceu contactos bilaterais co director de Funarte, Sergio Mamberti; e co director da Central de Música (Cemus) da mesma fundación, Thiago Cury.

Galicia como base operativa
Como resultado destes encontros, quedou patente a vontade das autoridades brasileiras de fixar un marco xeral de actuación en materia cultural con Galicia e, en especial, destacou a excelente disposición dos representantes do Ministèrio de Cultura para integrarse no proxecto conxunto de facer de Galicia a base operativa de distribución para Europa dos artistas brasileiros.

Así, puxéronse as bases para o asentamento a curto prazo dunha axenda de traballo e dunha metodoloxía práctica que permita a comunicación entre os modelos de planificación cultural existentes nas institucións e entidades implicadas, con especial atención ao ámbito sociocultural, o das industrias culturais e o da promoción internacional, tendo ademais en conta os vínculos idiomáticos e culturais que comparte Galicia con Brasil.

No eido concreto da exhibición musical, prevese o desenvolvemento de eventos específicos de presentación de artistas e estase a valorar a utilización dun marchamo compartido que identifique a todos os proxectos que poidan levarse a cabo dentro deste acordo marco. Tamén se terán en conta iniciativas conxuntas de formación, intercambio e residencia de profesionais en prazos temporais determinados, que procederán fundamentalmente das empresas galegas e brasileiras.

Delegación galega
A Agadic patrocinou a participación dunha delegación integrada por oito produtoras e discográficas galegas na Feira Música Brasil, o encontro máis importante para a difusión musical de toda América Latina, creado en 2008 polo ex ministro de Cultura Gilberto Gil en Recife e que este ano celebra con éxito a súa terceira edición na cidade de Belo Horizonte, capital do estado de Minas Gerais.

Os representants das empresas Ouvirmos, Esmerarte, A Central Folque, Berrogüetto Producións, Falcatruada, Keltia, Nalgures e Nordesía, así como de Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas) e AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais), desenvolveron distintas xuntanzas con compañías homólogas brasileiras, ademais de prestar o seu apoio á estratexia de actuar como plataforma conxunta para a distribución musical.

Así mesmo, Joaquín Martínez Silva, presidente de AGEM, participou dentro da FMB na mesa redonda "Negocios Internacionais de Música" xunto a Fra Soler (Primavera Sounds), Alicia Zertuche (SXSW), Christoph Borkowsky (Womex), Bruno Boulay (especialista en Industrias Culturais da Embaixada de Francia) e Paulo André (Astronave). O representante das empresas musicais galegas expuso a traxectoria emprendida pola industria cultural galega nos últimos anos con Galiciantunes como imaxe conxunta de marca, cuxo material promocional foi cualificado polos outros relatores como "imponente" e "sensacional" .