O CONSELLEIRO DE CULTURA ANUNCIOU QUE OS ENSAIOS DESTA VERSIÓN DA OBRA DE BERTOLT BRECHT DARÁN COMEZO EN ABRIL PARA A SÚA ESTREA NO MES DE XUÑO

O Centro Dramático Galego producirá o musical "A ópera dos tres reás" baixo a dirección escénica de Quico Cadaval e con Luis Tosar como protagonista

[12/01/2011]
O Centro Dramático Galego (CDG) levará ás táboas en xuño A ópera dos tres reás, a partir da famosa obra de Bertolt Brecht, para o que contará con Quico Cadaval na dirección escénica e co actor Luis Tosar no papel protagonista. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, anunciou hoxe a que será a segunda produción propia da compañía pública para a temporada 2010-2011, un espectáculo de gran formato que materializa a aposta da directora do CDG, Blanca Cendán, polo teatro musical.
Segundo explicou Roberto Varela na presentación da nova programación semestral, en febreiro desenvolverase un proceso de selección para completar o amplo elenco de actores e músicos que iniciará en abril os ensaios. Coincidindo coa celebración do Ano Internacional da Música, o Centro Dramático Galego actualizará -coa dramaturxia do propio Cadaval e baixo a dirección musical de Carlos Ariel Gracia Baez- a ópera paródica asinada en 1928 polo dramaturgo alemán xunto co compositor Kurt Weill, ambientada nun submundo de marxinalidade e delincuencia.

Proxecto atractivo e esixente
O titular de Cultura agradeceu a todos os implicados a ilusión coa que enfrontan unha proposta "tan atractiva como esixente dende o punto de vista artístico", afirmou. No caso de Luis Tosar, ao que felicitou persoalmente pola súa recente candidatura aos Premios Goya 2011 na categoría de mellor protagonista, quixo subliñar ademais o feito de que o actor lucense aceptara o "reto de facer unha paréntese nesta imparable carreira cinematográfica para regresar ás táboas, en Galicia e nada menos que cun musical", no que interpretará o popular personaxe de Mackie Navalla. Varela continuou expresando a súa convicción de que, á vista dos nomes que encabezan o equipo artístico, o resultado final estará á altura das expectativas, convertendo A ópera dos tres reás no "acontecemento escénico do ano".

Ademais de Tosar, acompañaron o conselleiro nesta presentación o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos F. Fasero, e a directora do CDG, Blanca Cendán, quen se detivo no programa de actividades promovidas pola compañía pública no Salón Teatro, cun total de 71 días de apertura ao público entre xaneiro e maio.

Intercambio con Portugal
Esta nova carteleira dará comezo os días 14 e 15 de xaneiro coa posta en escena do Concerto "à la carte", espectáculo xestual da Companhia de Teatro de Braga que se presenta no escenario compostelán dentro dun acordo de intercambio entre o Centro Dramático e tres emblemáticas agrupacións de Portugal. Así, tamén a compañía Trigo Limpo de Tondela amosará no Salón Teatro a súa Vila Cacimba (12 e 13 de febreiro), en tanto que Teatro Oficina de Guimarães fará o propio con Rúa Gagarin (26 de febreiro). En contrapartida, a Salomé do CDG exhibirase no Centro Cultural Vila Flor de Gimarães (22 de xaneiro), Teatro Acert de Tondela (día 26) e Theatro-Circo de Braga (28 e 29).

O público terá, asemade, a oportunidade de asistir a dous salientables exemplos da actualidade teatral andaluza coa representación de Del maravilloso mundo de los animales: los corderos, peza creada e dirixida por Daniel Veronese para Histrión Teatro (9 e 10 de febreiro), e da galardoada versión de La casa de Bernarda Alba producida por Atalaya e interpretada por oito mulleres do asentamento chabolista El Vacie baixo a dirección Pepa Gamboa (4 de marzo).

Estreas galegas
Porén, o apoio á escena galega continúa a ser unha prioridade para a dirección do CDG na xestión deste espazo, de xeito que o novo ciclo de programación ofrecerá un total de 30 funcións de 13 espectáculos producidos en Galicia, incluíndo dúas estreas absolutas a cargo de compañías de recente creación: Alfredo Padilla presentará o resultado dun proceso de investigación teatral arredor de Hamlet (5 e 6 de marzo) e Redrum Teatro levará a escena a comedia musical para público infantil Moito conto (14 e 15 de maio).

As propostas galegas ocuparán o Salón Teatro xa a partir da próxima semana, comezando con Memoria de Helena e María (do 20 ao 23 de xaneiro), obra coa que Teatro do Atlántico conmemora o seu vixésimo quinto aniversario. A continuación, Abrapalabra Creacións Escénicas ofrecerá -do 28 ao 30 de xaneiro para o público xeral e os días 31 e 1 para estudantes- o "monólogo escénico-narrativo" Memoria das memorias dun neno labrego, dirixido e interpretado por Cándido Pazó co gallo do 50 aniversario da primeira edición da obra de Xosé Neira Vilas na que se inspira.

O 11 de marzo Teatro do Morcego exhibirá outro clásico, Os vellos non deben de namorarse de Castelao, mentres que Berrobambán se presentará o 1 e 2 de abril con Pressing Catch, obra de Paula Carballeira que reflexiona sobre as distintas formas de violencia a través da ironía e o humor.

Xa en abril, os días 14 e 15 Carlos Blanco proporá aos espectadores unha viaxe ata Brasil a través do espectáculo Ordem e progresso e acompañados pola música do Sergio Tannus Trío. A programación continuará o 16 e 17 con A filla de Woody Allen, debut da compañía de Santiago Cortegoso, e os días 5 e 6 de maio Espello Cóncavo porá en escena Limpeza de sangue (o sangue fai ruído), obra pola que o Rubén Ruibal recibiu os premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e Nacional de Literatura Dramática. Ademais, o 17 de maio presentarase Mundo Lois, espectáculo multidisciplinar arredor da figura e obra de Lois Pereiro, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Novas funcións de Salomé
Ao tempo que prepara a súa próxima produción propia, o CDG continúa desenvolvendo a xira do seu espectáculo Salomé, que finalizará en marzo con catro novas funcións -do 23 ao 26- no Salón Teatro, onde foi estreado o pasado mes de novembro. Regresarán tamén ao espazo compostelán outras dúas montaxes coproducidas pola compañía pública: Super8 de Voadora (4 e 5 de febreiro) e Por que o meniño se coce na polenta? de Sapristi Teatro (18 e 19 de marzo).

A oferta escénica inclúe, asemade, as novas edicións do festival e a mostra internacionais de teatro universitario (FITU e MITU), baixo a organización da Universidade de Santiago, así como a Semana da Danza que o Centro Coreográfico Galego desenvolverá do 25 ao 30 de abril coa participación dunha ampla representación de compañías e artistas galegos.

Volve Sinsal
En canto ao apartado musical, Abe Rábade Trío abre o 18 de xaneiro unha nova entrega do ciclo ST Música Presente cun concerto no que soarán os temas do seu novo traballo, Zigurat. Así mesmo, o Salón Teatro converterase por quinto ano consecutivo na sede en Santiago do Festival Sinsal, que o 20 de febreiro ofrecerá a actuación de Laetitia Sadier, a inconfundible voz de Stereolab, no seu debut en solitario. Dous concertos da agrupación vocal a cappella O Coro da Rá (20 e 21 maio) e as sesións audiovisuais do VIII Festival Internacional de Curtametraxes Cortocircuíto completan a carteleira deste segundo ciclo de exhibición da temporada 2010-2011.

Mentres, o CDG avanzará no seu programa de formación continua para profesionais cun curso intensivo sobre Molière para actores, que Mario Tomás impartirá do 14 ao 25 de febreiro, e continuará apoiando á comunidade artística galega mediante a cesión gratuíta das salas da nave que a Agadic mantén no polígono Costa Vella, en Santiago, para que as compañías ensaien as súas novas producións. Actualmente, Helen Bertels ultima aquí a estrea de Wir Frauen, o seu debut coreográfico en solitario, e Circo Expreso ensaia o espectáculo Lossing Grip, un dos dez proxectos gañadores do programa Xóvenes Talentos do Circo Europeo.