A MONTAXE DA OBRA DE OSCAR WILDE DIRIXIDA POR CARLOS SANTIAGO EXHIBIRASE NO CENTRO CULTURAL VILA FLOR DE GIMARÃES, NO TEATRO ACERT DE TONDELA E NO THEATRO-CIRCO DE BRAGA

O Centro Dramático Galego leva o espectáculo "Salomé" a tres escenarios portugueses en réxime de intercambio

[20/01/2011]
O Centro Dramático Galego inicia esta fin de semana o ciclo de distribución en Portugal do seu espectáculo Salomé como froito dun acordo de intercambio entre a compañía pública galega e tres emblemáticas agrupacións do país veciño. Así, a montaxe dirixida por Carlos Santiago a partir da obra de Oscar Wilde exhibirase este mes de xaneiro no Centro Cultural Vila Flor de Gimarães (sábado 22 ás 22.00 horas), no Teatro Acert de Tondela (mércores 26 ás 21.45 horas) e no Theatro-Circo de Braga (venres 28 e sábado 29 ás 21.30 horas).
No marco desta mesma iniciativa de colaboración, a compañía Trigo Limpo de Tondela amosará no Salón Teatro de Santiago de Compostela a produción A caixa preta (12 e 13 de febreiro), en tanto que Teatro Oficina de Guimarães fará o propio con Rua Gagarin (26 de febreiro), mentres que a Companhia de Teatro de Braga que xa puxo en escena o seu espectáculo xestual Concerto "à la carte" os pasados días 14 e 15 de xaneiro.

María Mera como Salomé e Pepe Penabade como Herodes encabezan o elenco que completan María Salgueiro, Hugo Torres, Marcos Correa e Alberte Cabarcos e que dá vida os 15 personaxes da historia. No equipo artístico, Carlos Santiago tamén contou coas achegas de creadores e profesionais de recoñecido prestixio como Víctor Mosqueira na codirección, Fran Pérez "Narf" na banda sonora, Pancho Lapeña na escenografía, Baltasar Patiño no deseño de iluminación, Cloti Vaello no deseño de vestiario, Fausto Isorna no deseño gráfico, Uxía Vaello na coreografía e Fany Bell no deseño de maquillaxe.

Traxedia en Galilea
A través dunha posta en escena arriscada, o espectáculo ofrece unha lectura máis satírica e política, mantendo o simbolismo e o ton poético orixinais, pero eliminando os exotismos orientais e as interpretacións relixiosas. Nesta versión, a traxedia segue acontecendo en Galilea, pero nun contexto contemporáneo e máis próximo ao espectador, aínda que de carácter fantástico.

Á parte deste anacronismo premeditado, a adaptación ao galego de Pepe Sendón é fiel ao texto orixinal, de xeito que incide no retrato descarnado das paixóns humanas asinado polo autor dublinés, así como na súa crítica ao poder e ao puritanismo moral.

Volta a Galicia
Despois da súa estadía en Portugal, o espectáculo continuará a xira galega no Auditorio Municipal de Vilagarcía (4 de febreiro), Auditorio Gustavo Freire de Lugo (10 de febreiro), Teatro Municipal Área Panorámica de Tui (18 de febreiro), Teatro Principal de Pontevedra (22 e 23 de febreiro), Pazo da Cultura de Narón (25 e 26 de febreiro), Teatro Rosalía da Coruña (4 de marzo), Salón Teatro (23, 24, 25 e 26 de marzo), Teatro Principal de Ourense (12 e 13 de marzo) e Teatro Jofre de Ferrol (17 e 18 de marzo).