A AGADIC OFRECEU UNHA RECEPCIÓN A AXENTES INTERNACIONAIS NA ÁREA PROFESIONAL DO MACROFESTIVAL BARCELONÉS

Os concertos de Colectivooruga e Eladio y Los Seres Queridos abriron o Primavera Sound 2011 ao potencial da música galega

[27/05/2011]
Os grupos Colectivooruga e Eladio y Los Seres Queridos (na imaxe) abriron esta noite cos seus concertos a participación máis ampla da música galega no festival Primavera Sound de Barcelona, como primeira entrega dunha carteleira que completan Nouvelle Cuisine, Maryland, Igloo e Disco Las Palmeras!, ademais de Triángulo de Amor Bizarro. A delegación artística e empresarial desprazada desde Galicia comezou o seu intenso programa de actividades neste macrofestival no que, ademais das actuacións das bandas galegas seleccionadas, estanse a establecer novos contactos e a intensificar relacións con axentes musicais nacionais e internacionais no marco da área PrimaveraPro.
A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), patrocina esta presenza conxunta de Galicia no PrimaveraPro, onde onte protagonizou unha recepción que contou coa presenza dunha nutrida representación de selos discográficos, feiras e festivais de diferentes países, especialmente latinoamericanos, así como coa de todo o equipo directivo do Primavera Sound. O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, e membros da directiva da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), entidade colaboradora na coordinación da participación galega, asistiron tamén a este evento, no que avanzaron en conversacións con varias entidades homólogas cara a próximas colaboracións e intercambios profesionais.

Baixo o Ano da Música
Co Ano da Música de Galicia como imaxe aglutinadora, a delegación galega achegou diferente material promocional, que foi despregado na recepción e incluído nas bolsas que a organización preparou para os máis de 800 profesionais acreditados. Neste sentido, en Barcelona presentouse o último número da revista Ao Vivo Música, editada pola Agadic, que dedica unha das súas reportaxes principais a afondar na ebulición do panorama galego da chamada música independente, exemplificada nas seis bandas seleccionadas por PrimaveraPro, todas elas con estilos e traxectorias moi diferentes.

Por segundo ano consecutivo e de xeito paralelo ao programa de concertos para o público xeral, a organización do festival barcelonés desenvolve un encontro específico para profesionais acreditados co obxectivo de que o Primavera se sitúe tamén como un mercado de referencia internacional para a música independente.

Galego no escenario Adidas Originals
A variedade da oferta galega quedou reflectida xa no primeiro día de concertos no Parc del Fórum, que comezou na tarde de onte coa faceta máis experimental da man do electrorock de Colectivooruga, trío orixinario de Ponteareas que acaba de editar o seu primeiro disco, Too many knobs. Eles foron os encargados de inaugurar o escenario Jägermeister Vice, que a organización dedica ás propostas de son máis contundente, mentres que os veteranos Eladio y Los Seres Queridos actuaron pola noite no Adidas Originals. O galego escoitouse por vez primeira dende os escenarios do Primavera Sound cando o músico vigués e a súa banda interpretaron Non quero perderte, versión dun dos seus temas máis coñecidos incluída no seu novo traballo discográfico, Estén ustedes unidos, que centrou gran parte da súa presentación no festival barcelonés.

Por outra banda, os tamén galegos Triángulo de Amor Bizarro abriron as actuacións no escenario San Miguel, un dos dous espazos principais desta edición, tras ser seleccionados directamente pola organización do Primavera Sound como parte dun amplo cartel de figuras internacionais.

Primavera a la Ciutat
A participación galega intensifícase hoxe, cun total de catro citas nos diferentes recintos do macrofestival. Eladio y los Seres Queridos e Maryland ofrecen este mediodía cadanseu concerto nos escenarios instalados no Parc Central del Poblenou, próximo ao recinto principal do Primavera Sound, como parte da programación paralela Primavera a la Ciutat, que se abre de xeito gratuíto a toda a cidadanía.

Xa pola tarde, o escenario Adidas Originals centralizará as actuacións das bandas galegas, que darán comezo ás 17.00 horas co pop electroacústico dos coruñeses Nouvelle Cuisine e continuará ás 20.45 con Maryland, quinteto vigués que se atopa en plena xira de presentación do seu segundo disco, Get cold feet, co que xira cara a un son máis enérxico e directo no ámbito do seu power-pop.

Xa na xornada de mañá, última do festival no Parc del Fórum, o Jägermeister Vice acollerá ás 17.00 horas o concerto do trío de Sarria Disco Las Palmeras!, que chega ao Primavera precedido das excelentes críticas coas que foi recibido o seu primeiro disco, Nihil Obstat, que confirma as expectativas da súa proposta ruidista tras gañar diferentes concursos de maquetas e grupos noveis a nivel estatal.

Os integrantes de Igloo serán os encargados de pechar esta participación galega, con senllos concertos no Adidas Originals (mañá sábado, ás 18.15 horas) e no Parc Central del Poblenou (domingo 28, ás 12.00). Aquí tocarán temas de infinito 3, o seu cuarto disco de longa duración, considerado como o máis persoal e elaborado desta banda pontevedresa con seis anos de traxectoria ás súas costas.

FOTOGRAFÍAS: JANITE