AS ACTUACIÓNS COMEZAN MAÑÁ E ESTENDERANSE ATA FINAIS DE SETEMBRO CUNHA CARTELEIRA DE TEATRO, MÚSICA, DANZA, MAXIA E NOVO CIRCO A CARGO DE 162 FORMACIÓNS GALEGAS

A Agadic programa máis de 560 funcións e concertos en 163 concellos a través de "Camiños de Cultura 2011"

[31/05/2011]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo inaugura mañá a edición 2011 do programa Camiños de Cultura, cunha carteleira de 564 funcións escénicas e musicais que se desenvolverá ata finais de setembro nun total de 163 concellos de toda Galicia. A finalidade deste circuíto é garantir a programación estable en espazos públicos dos concellos, favorecendo a ampliación da súa oferta cultural aos meses de verán e atendendo a unha demanda variada canto a tipos de públicos e estilos artísticos.
A carteleira de Camiños de Cultura 2011 abrangue teatro, música, danza, maxia e novo circo a través dos espectáculos dun total de 162 compañías e grupos musicais, todos eles galegos, que foron seleccionados polos propios concellos de entre os 534 que propuxeron os seus espectáculos para esta iniciativa. O público infantil e familiar será, ademais, un dos grandes protagonistas da programación, que conta cun total de 322 funcións especificamente dirixidas aos espectadores máis novos.

Para elaborar esta nova edición do programa cursáronse invitacións a todos os concellos galegos, sen límite mínimo de poboación, que non están asociados á Rede Galega de Teatros e Auditorios, tamén promovida pola Agadic. As actuacións darán comezo mañá día 1 nos concellos de Mesía co Mago Vituco (16.00 h), Vila de Cruces cun concerto da Roda (12.00 h), Negreira cun espectáculo de novo circo a cargo de Pablo Trasno (12.00 h) e Carballedo coa montaxe teatral para público infantil As viaxes de torbellino, da compañía Conta e Canta (18.00 h). En total, programaranse 245 funcións de teatro, 119 de maxia, 118 de música, 79 de novo circo e 3 de danza.

Cinco canles de distribución
Camiños de Cultura conta cun orzamento total de 807.924 euros, do que a Axencia Galega das Industrias Culturais achega un 55%, mentres que o resto corresponde aos concellos participantes. A Agadic, que asume este ano a xestión do circuíto como resultado da reestruturación competencial interna emprendida pola Consellería de Cultura e Turismo, incorpora deste xeito una nova canle de distribución de espectáculos escénicos e musicais que, xunto coa programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas e Rede Galega de Música ao Vivo, configuran a carteleira de exhibición máis extensa de toda Galicia. Ademais, este 2011 engádese un novo ciclo estival de concertos que, baixo o título Galicia é Música, insírese no programa de actividades do Ano da Música de Galicia, deseñado pola Consellería de Cultura e Turismo, co obxectivo de impulsar a descentralización da oferta de música ao vivo na nosa Comunidade.