A AGADIC APOIA ESTA MISIÓN COMERCIAL NO ENCONTRO QUE SE DESENVOLVE NA CIDADE DE BOS AIRES DO 2 AO 5 DE XUÑO

Un total de 11 empresas galegas participarán nas roldas de negocios do Mercado de Industrias Culturais Arxentinas (MICA)

Un total de 11 empresas galegas participarán nas roldas de negocios do Mercado de Industrias Culturais Arxentinas (MICA)
[01/06/2011]
Un total de 11 empresas galegas dos ámbitos escénico, musical e audiovisual participan a partir de mañá no Mercado de Industrias Culturais Arxentinas (MICA) de Bos Aires, como integrantes da misión comercial internacional que se incorpora ao evento. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo apoia a presenza da delegación galega nas roldas de negocios que diariamente se desenvolverán no marco deste encontro que por primeira vez organiza a Secretaría de Cultura da Nación xunto a outros tres ministerios.

Representantes dos grupos de teatro Ainternacional, Tanxarina, Teatro Ensalle, Teatro Galileo, a distribuidora e produtora cultural La Tía Mardalina, a compañía de danza Pisando Ovos, as produtoras musicais Ouvirmos e Berrogüetto Producciones; así como as audiovisuais TVSiete, Adivina Producciones e Tictac Producciones acudirán coa finalidade de manter encontros coas empresas culturais arxentinas dos mesmos eidos para a presentación de proxectos concretos cara a futuras accións comúns.

Entre as finalidades expresadas polas empresas galegas figuran a procura de socios coprodutores para todo tipo de programas culturais, o establecemento de alianzas estratéxicas para a difusión de produtos culturais galegos por toda Latinoamérica a través das firmas arxentinas como primeiras interlocutoras, o avance en iniciativas de formación conxuntas, a colaboración en tarefas de coedición editorial ou discográfica, ou mesmo a presentación profesional de avances técnicos desenvolvidos en Galicia, como é o caso da tecnoloxía audiovisual IN3D.

A Agadic apoia económica e operativamente a participación galega no MICA, para a que cursou unha convocatoria ás empresas culturais galegas a través das principais asociacións profesionais (Escena Galega, Danesga, Agapi, AGEM, Agaphono, AGE, DAG e EGANET), en seguimento ao convite feito para tal fin polo Goberno da Nación de Arxentina durante a pasada celebración da Feira do Libro de Bos Aires, que tamén contou con participación galega.

Instalado do 2 ao 5 de xuño no edificio Tribuna Plaza da Avenida do Libertador de Bos Aires, o Mercado de Industrias Arxentinas presenta na súa presente primeira edición unha ampla programación profesional e artística, dirixida fundamentalmente aos profesionais do sector cultural, e centrada nas denominadas roldas de negocios, nas que a organización facilita o encontro entre promotores de proxectos afíns ou que poidan ter indicios de compatibilidade.

Neste sentido, a organización do MICA ten deseñada xa unha intensa axenda de encontros bilaterais ou multilaterais entre empresas galegas e arxentinas que puideran ter intereses comúns para iniciativas en curso ou para a xénese de proxectos futuros.

Seis eixos de produción
Promovido pola Secretaría de Cultura de la Nación e os Ministerios de Industria, Relacións Exteriores e Turismo arxentinos, o MICA conta así mesmo con espazos de exposición, obradoiros e outras actividades articuladas a partir dos seis eixos de produción cultural no que se subdivide: audiovisual, artes escénicas, deseño, editorial, música e videoxogos. Inclúe, ademais, diversas charlas e foros de debate, conferencias e espectáculos abertos ao público xeral.

Ao final de cada xornada prográmanse -desde escenarios tanto abertos como pechados- espectáculos en vivo, recitais e concertos, obras de teatro, desfiles e proxeccións audiovisuais para o que se dispón dun espazo duns 13.000 m2.

A celebración do MICA resposta ao auxe do valor estratéxico das industrias culturais arxentinas como bens de consumo de grande valor simbólico e identitario. Segundo cifras do goberno arxentino, estas industrias xeraron en 2009 o 3,5% do PIB (Produto Interior Bruto) do país, máis de 200.000 postos de traballo directos e máis de 330 millóns de dólares anuais en concepto de exportación de bens e servizos culturais.

NOTICIAS RELACIONADAS:
-A representación galega no Mercado de Industrias Culturais Arxentinas (MICA) reúnese en Bos Aires co delegado da Xunta.

LIGAZÓNS:
-Web do MICA.