OS REPRESENTANTES DAS 11 EMPRESAS DO ÁMBITO ESCÉNICO, MUSICAL E AUDIOVISUAL PRESENTARON A LÓPEZ DOBARRO AS SÚAS INICIATIVAS E ANALIZARON VÍAS DE COOPERACIÓN NO CONTEXTO ARXENTINO

A representación galega no Mercado de Industrias Culturais Arxentinas (MICA) reúnese en Bos Aires co delegado da Xunta

A representación galega no Mercado de Industrias Culturais Arxentinas (MICA) reúnese en Bos Aires co delegado da Xunta
[03/06/2011]
O delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires, Alejando López Dobarro, reuniuse este venres cos representantes das empresas galegas do ámbito escénico, musical e audiovisual que participan estes días no Mercado de Industrias Culturais Arxentinas (MICA).

Nun encontro celebrado na sede do Goberno galego na capital arxentina, membros de Ainternacional Teatro, La Tía Mardalina, Pisando Ovos SC, Tanxarina SL, Teatro Ensalle SLL, Teatro Galileo, Adivina Producións SL, TVSiete Produtora de Vídeo SL, Berrogüeto Producións SL, Ouvirmos SL, Tictac Producións, da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e María Teresa Galiñanes Riveiro, presentaron a López Dobarro as actividades que están a desenvolver desde o xoves e ata o vindeiro domingo no MICA. Invitados polo Goberno da Nación Arxentina, estes once empresarios están a participar nas actividades da feira, nomeadamente, encontros multilaterais e transversais de negocio nos eidos audiovisual, artes escénicas, deseño, editorial, música e videoxogos.

Na xuntanza tiveron ocasión de coñecer as instalacións e as actividades da Delegación da Xunta en Arxentina e analizaron establecer vías estables de contacto para fomentar o incremento da presenza das industrias culturais galegas no país austral. Neste sentido, referíronse especificamente ao caso das artes escénicas e valoraron a posibilidade de traballar de maneira conxunta coa Delegación para acadar que compañías galegas participen nos diversos festivais, encontros e feiras que se realicen en Arxentina.

Os representantes das empresas culturais galegas, que fixeron unha valoración moi positiva da actividade desenvolvida nos primeiros días do MICA, constataron que a presenza galega é a máis numerosa da listaxe de convidados internacionais ao evento; e coincidiron na súa vontade de seguir participando nel en posteriores edicións.

Entre as finalidades expresadas polas empresas galegas figuran a procura de socios coprodutores para todo tipo de programas culturais, o establecemento de alianzas estratéxicas para a difusión de produtos culturais galegos por toda Latinoamérica a través das firmas arxentinas como primeiras interlocutoras, o avance en iniciativas de formación conxuntas, a colaboración en tarefas de coedición editorial ou discográfica, ou mesmo a presentación profesional de avances técnicos desenvolvidos en Galicia, como é o caso da tecnoloxía audiovisual IN3D.

A Agadic apoia económica e operativamente a participación galega no MICA, para a que cursou unha convocatoria ás empresas culturais galegas a través das principais asociacións profesionais (Escena Galega, Danesga, Agapi, AGEM, Agaphono, AGE, DAG e EGANET), en seguimento ao convite feito para tal fin polo Goberno da Nación de Arxentina durante a pasada celebración da Feira do Libro de Bos Aires, que tamén contou con participación galega.

O MICA
Instalado do 2 ao 5 de xuño no edificio Tribuna Plaza da Avenida do Libertador de Bos Aires, o Mercado de Industrias Arxentinas presenta na súa presente primeira edición unha ampla programación profesional e artística, dirixida fundamentalmente aos profesionais do sector cultural, e centrada nas denominadas roldas de negocios, nas que a organización facilita o encontro entre promotores de proxectos afíns ou que poidan ter indicios de compatibilidade.

Neste sentido, a organización do MICA ten deseñada xa unha intensa axenda de encontros bilaterais ou multilaterais entre empresas galegas e arxentinas que puideran ter intereses comúns para iniciativas en curso ou para a xénese de proxectos futuros.

Promovido pola Secretaría de Cultura de la Nación e os Ministerios de Industria, Relacións Exteriores e Turismo arxentinos, o MICA conta así mesmo con espazos de exposición, obradoiros e outras actividades articuladas a partir dos seis eixos de produción cultural no que se subdivide: audiovisual, artes escénicas, deseño, editorial, música e videoxogos. Inclúe, ademais, diversas charlas e foros de debate, conferencias e espectáculos abertos ao público xeral. Ao final de cada xornada prográmanse -desde escenarios tanto abertos como pechados- espectáculos en vivo, recitais e concertos, obras de teatro, desfiles e proxeccións audiovisuais para o que se dispón dun espazo duns 13.000 m2.

A celebración do MICA resposta ao auxe do valor estratéxico das industrias culturais arxentinas como bens de consumo de grande valor simbólico e identitario. Segundo cifras do goberno arxentino, estas industrias xeraron en 2009 o 3,5% do PIB (Produto Interior Bruto) do país, máis de 200.000 postos de traballo directos e máis de 330 millóns de dólares anuais en concepto de exportación de bens e servizos culturais.

NOTICIAS RELACIONADAS:
-Un total de 11 empresas galegas participarán nas roldas de negocios do Mercado de Industrias Culturais Arxentinas (MICA).

LIGAZÓNS:
-Web do MICA.