QUICO CADAVAL DIRIXE A VERSIÓN GALEGA DO CLÁSICO DE BERTOLT BRECHT E KURT WEILL, QUE PROTAGONIZA LUIS TOSAR NO SEU REGRESO AO CDG DESPOIS DE 15 ANOS

A ópera dos tres reás estréase como o primeiro gran espectáculo musical do Centro Dramático Galego

[21/06/2011]
O Centro Dramático Galego (CDG) estrea este xoves 23 de xuño no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela o seu primeiro espectáculo musical de gran formato, A ópera dos tres reás, que sube ás táboas da man de Quico Cadaval na dirección escénica; Diego García Rodríguez na musical, e con Luis Tosar no papel protagonista. Tanto o seu extenso elenco, cun total de 20 artistas en escena interpretando en directo música e cancións, como a ampla difusión que terá fóra de Galicia, sitúan esta versión galega do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill entre as meirandes producións enfrontadas ata o momento pola compañía da Consellería de Cultura e Turismo.
O conselleiro Roberto Varela presentou hoxe a estrea da nova proposta do CDG, que conta co patrocinio de Novacaixagalicia, Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás-Cidade da Cultura e se enmarca, así mesmo, nas programacións do Ano da Música de Galicia e Galicia Classics. Xunto co titular de Cultura, participaron neste acto os directores e todo o elenco do espectáculo, así como a directora do Centro Dramático Galego, Blanca Cendán, e o director da Obra Social de Novacaixagalicia, Guillermo Brea.

Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Turismo explicou que xa está todo preparado para que teña lugar "un dos meirandes eventos culturais do 2011 en Galicia". Nesta liña, amosouse convencido de que A ópera dos tres reás "está chamada a converterse nun fito do noso teatro, que axudará a dinamizar, fortalecer e espallar as virtudes das artes escénicas de Galicia".

Roberto Varela quixo agradecer "o intenso labor" levado a cabo por todas as persoas implicadas no proxecto e asegurou que "o éxito de 'A ópera dos tres reás' será o éxito do teatro galego". No seu discurso, lembrou as múltiples adaptacións que se fixeron desta obra, nos escenarios dos países máis diversos e en multitude de idiomas, e amosouse convencido de que "a versión do CDG unirase desde este xoves a esa lista de ilustres adaptacións".

O conselleiro tamén gabou o traballo de Quico Cadaval, que, segundo dixo, "traballou nunha versión moi fiel ao espírito do texto orixinal, dándolle un toque xenuinamente galego". Na mesma liña, destacou o papel protagonista de Luís Tosar e o elenco completo da obra, "froito dun exhaustivo e rigoroso proceso de selección".

Regreso ao CDG
O papel de Mackie Messer (Makie da Faca) en A ópera dos tres reás supón o reencontro de Luis Tosar co teatro tras cinco anos dedicado con gran éxito ao cine e á música, así como o seu regreso á compañía pública galega 15 anos despois da súa interpretación do Demo en Nau de amores, nos inicios da súa carreira actoral como parte do, naquel momento, elenco estable do CDG.

César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marcos Orsi, Marta Pazos, Fran Pérez Narf, Muriel Sánchez, Begoña Santalices e Sergio Zearreta forman parte tamén deste destacado elenco de actores-cantantes, que culminará este xoves dous meses e medio de intenso traballo interpretativo e vocal para levar adiante a esixente e vertixinosa posta en escena ensamblada por Quico Cadaval, con preto de vinte números musicais e dúas horas e vinte e cinco minutos de duración.

Xunto con eles, sobre o mesmo escenario deseñado por Baltasar Patiño e seguindo a batuta de Diego García, unha banda de oito músicos ¬-Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich- executará en directo a partitura deste clásico do século XX, que marcou un importante punto de inflexión na relación entre o teatro e a música e que forma parte do noso imaxinario colectivo a través de cancións tan coñecidas e interpretadas como A balada de Mackie Navalla.

Na ficha artística deste proxecto -a través do que Blanca Cendán materializa a súa aposta polo teatro musical de gran formato como unha das súas liñas de xestión á fronte do Centro Dramático- figura, ademais, outra vintena de recoñecidos profesionais da escena galega, implicados directamente no desenvolvemento desta produción xunto co equipo técnico propio do CDG. Entre eles, Pepe Sendón asina a tradución do texto orixinal e a adaptación das cancións ao galego, Baltasar Patiño deseñou o espazo escénico e a iluminación, Carlos Alonso encargouse do deseño de vestiario e Cloti Vaello, da súa coordinación; Ramón Bermejo, da dirección de canto; Suso Alonso, da coordinación musical; Nuria Sanz, da axudantía de dirección; Mónica García, da coreografía; e Trini Fernández Silva, da maquillaxe e perruquería.

Universo brechtiano
Na adaptación de Quico Cadaval -responsable tamén da dramaturxia-, A ópera dos tres reás propón un achegamento fiel á obra orixinal, mergullándose no "universo imaxinario" dos seus autores a través de claros acenos á opereta, ao cinema cómico, ao folletín, ao surrealismo, á banda deseñada, á novela de crimes ou á aventura trasatlántica, entre outros elementos tirados da cultura popular europea dos anos vinte e trinta do pasado século. O obxectivo, en palabras do propio director, é obter un "instrumento óptico para poder ver dunha maneira nova un mundo tan antigo como é o noso".

A acción transcorre ao longo de 45 vertixinosas horas nos baixos fondos dunha cidade na que a ambición, os soños, a traizón, a mesquindade, o desexo, a tortura e a beleza son os ingredientes dun cóctel explosivo, sempre no punto de ebulición. Neste escenario habitado por delincuentes, mendigos, prostitutas e policías corruptos campa ás súas anchas o famoso gángster Mackie Messer (Mackie da Faca), cuxo historial delituoso non para de medrar en conivencia con Tigre Brown, xefe da Policía e amigo persoal de Mackie. Pero todo se torce para o "capitán" dos bandidos locais cando decide casar con Polly Peachum, a filla do rei dos mendigos, quen está disposto a calquera cousa para acabar con ese matrimonio e recuperar a súa pequena das mans do "maior criminal do mundo". Os preparativos da inminente visita papal á cidade determinarán o plan do señor e a señora Peachum para desfacerse de Mackie da Faca.

Crítica e vangarda
A limpeza do espazo escénico, dominado por liñas rectas e cun acabado industrial, contribúe a destacar a decrepitude duns personaxes que, a pesar de situárense en extremos opostos da escala social e a ollos da lei, comparten instintos, esperanzas e paixóns. Respéctase así o espírito crítico e vangardista co que Brecht e Weill deron forma a esta obra, o maior éxito teatral no Berlín do seu tempo, que foi escrita nos derradeiros anos da República de Weimar e en medio da gran crise económica e social que facilitaría o ascenso do nazismo e, uns anos máis tarde, a súa chegada ao poder.

A ópera dos tres reás poderá verse no Auditorio de Galicia ata o domingo 26, con funcións ás 21.00 horas. Iniciará a continuación un percorrido que se prolongará ata primeiros de outubro e durante o que se presentará en Madrid (do 20 ao 31 de xullo), Las Palmas de Gran Canaria (11 e 12 de agosto), Salamanca (2 e 3 de setembro), Pamplona (6 e 7 de setembro) e Zaragoza (do 9 ao 10 de setembro), ademais de noutras seis localidades galegas: Ferrol (2 e 3 de xullo), Pontevedra (8 e 9 de xullo), A Coruña (16 e 17 de setembro), Ourense (23 e 24 de setembro), Vigo (27 e 28 de setembro ) e Narón (30 de setembro e 1 de outubro).

As entradas para asistir ás funcións en Santiago de Compostela, xa esgotadas para o día da estrea, poden adquirirse a través da billeteira electrónica da web de Novacaixagalicia (www.novacaixagalicia.es) ou do teléfono 902 43 44 43 a un prezo único de 15 euros. Os días de función, o despacho de billetes do Auditorio de Galicia permanecerá aberto de 12.00 a 14.00 horas e a partir das 17.00 horas.