Novas
SERÁ A ÚLTIMA OCASIÓN PARA VER A MONTAXE, QUE DESENVOLVERÁ AS DERRADEIRAS FUNCIÓNS O VENRES 30 ÁS 20.30H E O SÁBADO 1 ÁS 20:00H
Quico Cadaval dirixe esta versión galega do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill, na que Luis Tosar encabeza un elenco de 20 actores e músicos en escena.
A montaxe remata así unha distribución de 3 meses con 34 funcións en 12 localidades dentro e fóra de Galicia.
A ÓPERA DOS TRES REÁS do Centro Dramático Galego conclúe a súa xira esta fin de semana no Pazo da Cultura de Narón



[28/09/2011]
O Centro Dramático Galego (CDG) finaliza en Narón o período de exhibición de A ópera dos tres reás, o seu primeiro espectáculo musical de gran formato, coas dúas derradeiras funcións que terán lugar no Pazo da Cultura este venres 30 de setembro, ás 20.30 horas, e o sábado 1 de outubro, ás 20.00 horas.
Péchase así unha extensa xira de tres meses durante a que a versión galega do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill congregou a milleiros de espectadores ofrecendo un total de 34 funcións en 12 localidades dentro e fóra de Galicia.
Con Quico Cadaval na dirección escénica, Diego García Rodríguez na musical e Luis Tosar á cabeza dun extenso equipo artístico, A ópera dos tres reás desenvolve unha esixente e vertixinosa posta en escena cunha vintena de cancións que os actores e músicos interpretan en directo durante as súas dúas horas e media de representación. Producido co patrocinio de Novacaixagalicia, Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás-Cidade da Cultura, o espectáculo enmárcase así mesmo na celebración do Ano da Música de Galicia.
20 números musicais
11 actores-cantantes galegos defenden nesta gran produción da compañía pública. Ademais de Luis Tosar –quen interpreta a Mackie da Faca no que constituíu o seu regreso ás táboas despois de cinco anos— Marcos Orsi, Muriel Sánchez, Begoña Santalices, César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marta Pazos, Fran Pérez "Narf" e Sergio Zearreta integran este destacado elenco.
Xunto con eles, sobre o mesmo escenario e seguindo a batuta de Diego García, unha banda de oito músicos –Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich– executa en directo a partitura deste clásico do século XX, que marcou un importante punto de inflexión na relación entre o teatro e a música e que forma parte do noso imaxinario colectivo a través de cancións tan coñecidas e interpretadas como A balada de Mackie Navalla.
Na ficha artística deste proxecto figura, ademais, outra manchea de recoñecidos profesionais da escena galega, implicados directamente no desenvolvemento desta produción xunto co equipo técnico propio do CDG. Entre eles, Pepe Sendón asina a tradución do texto orixinal e a adaptación das cancións ao galego, Baltasar Patiño deseñou o espazo escénico e a iluminación, Carlos Alonso encargouse do deseño de vestiario e Cloti Vaello, da súa coordinación; Ramón Bermejo, da dirección de canto; Suso Alonso, da coordinación musical; Nuria Sanz, da axudantía de dirección; Guillermo Vázquez, do deseño de son; Mónica García, da coreografía; e Trini Fernández Silva, da maquillaxe e perruquería.
Universo brechtiano
Na adaptación de Quico Cadaval –responsable tamén da dramaturxia–, A ópera dos tres reás propón un achegamento fiel á obra orixinal, mergullándose no "universo imaxinario" dos seus autores a través de claros acenos á opereta, ao cinema cómico, ao folletín romántico, ao surrealismo, á banda deseñada, á novela de crimes ou á aventura trasatlántica, entre outros elementos tirados da cultura popular europea dos anos vinte e trinta do pasado século. Esta ollada "caleidoscópica" apoia o desenvolvemento desta historia contada -en palabras do seu director- "a través das leis do cabaré".
A acción transcorre ao longo de 45 vertixinosas horas nos baixos fondos de Central City, onde a ambición, os soños, a traizón, a mesquindade, o desexo e a beleza son os ingredientes dun cóctel explosivo, sempre no punto de ebulición. Neste escenario habitado por delincuentes, mendigos, prostitutas e policías corruptos campa ás súas anchas o famoso gángster Mackie da Faca (Luis Tosar), cuxo historial delituoso non para de medrar en conivencia con Tigre Brown (César Goldi), xefe da Policía e o seu amigo persoal. Pero todo se torce para o "capitán" dos bandidos locais cando decide casar con Polly Peachum (Muriel Sánchez), a filla do rei dos mendigos (Marcos Orsi), quen está disposto a calquera cousa para acabar con ese matrimonio e recuperar a súa pequena das mans do que para el é o "maior criminal do mundo".
Venda de entradas
As entradas para as dúas funcións de A ópera dos tres reás en Narón póñense á venda no despacho de billetes do Pazo da Cultura o venres 30 de 11.00 a 13.30 e de 18.00 a 20.00 horas e o sábado 1 de 17.00 a 20.00 horas. O prezo das localidades é de 15 euros para o público xeral e de 10,50 euros para os abonados.
-Dossier do espectáculo.
-Web de "A ópera dos tres reás".