OS INTERESADOS PODERÁN SOLICITAR A SÚA PREINSCRICIÓN ATA O LUNS10 DE OUTUBRO NALGUHA DAS DÚS MODALIDADES PREVISTAS PARA UN MÁXIMO DE 30 ALUMNOS

A Agadic e a compañía DotBeat organizan o curso HISTÓRICOS DO ROCK dirixido aos produtores de son galegos

  Os interesados poderán solicitar a súa preinscrición ata o luns 10 de outubro nalgunha das dúas modalidades de asistencia previstas para un máximo de 30 alumnos.

  O encontro reúne como mestres a colaboradores de bandas e artistas tan míticos como AC/DC, Bob Marley, The Who, Steve Winwood ou Joe Cocker, entre outros.

A Agadic e a compañía DotBeat organizan o curso HISTÓRICOS DO ROCK dirixido aos produtores de son galegos
[29/09/2011]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a empresa DotBeat organizan conxuntamente un curso de produción de son dirixido de xeito específico aos profesionais galegos do sector que, baixo o título “Históricos do rock”, se desenvolverá do 19 ao 21 de outubro na illa de San Simón.


Serán un máximo de 30 alumnos os que poderán participar nesta iniciativa que se presenta por primeira vez en Galicia e que reúne como mestres a profesionais responsables da produción de son de bandas e artistas internacionais de primeira orde.    
 
Tony Platt (na imaxe), Phill Brown e Gil Norton, tres dos produtores máis relevantes dos últimos tempos a nivel mundial que teñen traballado -entre outros- con grupos como AC/DC, Bob Marley, The Who, Steve Winwood, Jimi Hendrix, Joe Cocker, Leonard Cohen, The Pixies ou Foo Fighters, ofrecerán leccións maxistrais e charlas sobre os seus particulares puntos de vista técnicos; ademais de demostracións prácticas de resultados acadados. Así, Tony Platt explicará, por exemplo, o proceso de gravación e produción de discos tan emblemáticos como Highway to hell, de AC/DC; Phill Brown falará das súas experiencias de traballo con Led Zeppelin; e Gil Norton da dinámica emprendida no mesmo ámbito con Foo Fighters.
 
Inscricións
Os alumnos interesados poden realizar a súa preinscrición ata o luns 10 de outubro no correo electrónico formacion@dotbeat.es, achegando os seus datos personais e unha pequena descrición das últimas actividades profesionais realizadas. Entre as solicitudes presentadas escollerase un máximo de 30 participantes que, despois de recibir a oportuna comunicación de aceptación, poderán optar a formalizar a súa matrícula en dúas modalidades e prezos: 200 euros para os que se aloxen en réxime completo nas instalacións da Fundación Illa de San Simón; e 150 euros para os que non pernocten na illa.