SUSPÉNDESE A EXHIBICIÓN DE NANA PARA UN SOLDADO, DE GHAZAFELHOS, E ADIÁNTASE NO SEU LUGAR A REPRESENTACIÓN DE TALÍA

A Mostra de Artes Escénicas de Galicia dedica o seu terceiro día ao teatro de actor de Katarsis, Talía, Atlántico e Chévere

  A xornada comeza ás 11:00 na SGAE coa infantil Malas palabras, a que seguirá Pelos na Lingua ás 13:00 no Salón Teatro, E.R. (Algún día traballaremos xuntas) ás 18:30 no Teatro Principal e Citizen ás 22:00 horas, tamén no Salón Teatro.

A Mostra de Artes Escénicas de Galicia dedica o seu terceiro día ao teatro de actor de Katarsis, Talía, Atlántico e Chévere
[18/10/2011]
A Mostra de Artes Escénicas de Galicia chega ao seu terceiro día de programación cunha xornada dedicada exclusivamente ao teatro de actor que conforman a exhibición da montaxe infantil Malas Palabras, de Katarsis; e das producións para público adulto Pelos na Lingua, E.R. e Citizen.

 
O espectáculo titulado Nana para un soldado, da compañía Ghazafelhos, tivo que ser suspendido por enfermidade dunha das actrices, polo que se adianta no seu lugar a representación de Talía, prevista inicialmente para a primeira sesión matinal do xoves.
 
Organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo, a Mostra de Artes Escénicas de Galicia desenvólvese ata o xoves 20 de outubro en tres escenarios de Santiago de Compostela (Salón Teatro, Teatro Principal e SGAE/Fundación Autor) coa exhibición de 25 espectáculos e a asistencia de preto de cincuenta programadores e axentes culturais galegos. O evento ofrece ademais ao público xeral a posibilidade de acceder ás funcións de xeito gratuíto, segundo o aforo e previa retirada das entradas correspondentes nas billeteiras de cada un dos espazos, abertas para este fin desde unha hora antes do inicio de cada representación.
 
Sobre a adopción
A xornada comeza ás 11:00 horas no escenario da SGAE/Fundación Autor coa montaxe para público infantil de 7 a 12 anos Malas Palabras, a cargo da compañía Katarsis, Educación e Teatro. A obra de Perla Szchumacher que dirixe Kevin Stewart e interpreta en solitario Estíbaliz Veiga presenta a historia de Flor, unha escritora que conta como descubriu o segredo mellor gardado polos seus pais: o da súa adopción. Flor pasa por unha etapa escura, na que pensa que os seus pais a traizoaron e lle mentiron. O tratamento deste tema por Katarsis mereceu unha felicitación da Fundación Meniños, organización que traballa polos dereitos da infancia.
 
A segunda das funcións matinais será Pelos na Lingua (na foto), a cargo de Talía Teatro, que terá lugar no Salón Teatro ás 13:00 horas. Avelino González dirixe a María Ordóñez, Toño Casais e Artur Trillo nun espectáculo que a compañía presenta como  “destinado a todo o mundo, independentemente da súa posición respecto á lingua: aos galego falantes, aos que non o son, aos que queren selo pero non se atreven, aos que si queren selo e tomaron esa determinación, aos que non o falan porque non o saben falar ben, aos que lles dá igual que se fale ou non, aos que pensan que o galego debería ser a lingua universal, aos que pensan que debería ser o inglés a lingua universal, aos que cren que a maioría dos galegos falan castelán, aos que cren que a maioría dos galegos falan galego, a políticos, a mestres, a alumnos, a actores, a actrices, a carpinteiros, a carpinteiras, a todos e a todas”.
 
Con catro actrices
Xa pola tarde chegará o turno da última produción de Teatro do Atlántico, dirixida por Xúlio Lago sobre o texto de Benet i Jornet e interpretada polo cadro de actrices que integran Manuela Varela, María Barcala, Luísa Merelas e Susana Dans. Trátase de E.R. (Algún día traballaremos xuntas), unha proposta que parte argumentalmente da procura de información sobre unha personaxe que deberá interpretar Encarna Ribera, grandísima actriz e profesora xa desaparecida. Omedo ao paso do tempo, ao fracaso, á soedade, ou á morte son, definitivamente, asuntos que pouco a pouco van conformando a biografía íntima de cada unha das personaxes.  A aspirante a actriz remata nun labirinto,  ao ser  receptora dunha mesma historia emitida condiferentes ópticas, entre risas e bágoas, por  tres mulleres que cun mesmo punto de partida tomaron camiños distintos en función da súa diferente maneira de entender a vida e a arte.
 
Teatro-fórum
A última das funcións programadas -ás 22:00 horas no Salón Teatro- é Citizen, orixinal do grupo Chévere. Xron asina a dirección escénica desta produción de 160 minutos de duración, na que Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Miguel de Lira, Mónica García, Arantza G. Villar, Nekane Fernández e Iván Marcos encaran aos protagonistas dunha ficción que a compañía denomina “a construción dun imperio económico dende a periferia” e que se inspira no personaxe real do creador de Inditex. A partir da proposta escénica, Citizen convírtese en desculpa para falar, ironizar e cuestionar os efectos da globalización en relación coas nosas identidades individuais e colectivas, nun formato que se achega ao teatro-fórum.