A AGADIC APOIA A PARTICIPACIÓN GALEGA EN AMBOS EVENTOS, NOS QUE DISTRIBUIRÁ UN DOBRE CD PROMOCIONAL CUNHA ESCOLMA DAS ÚLTIMAS PROPOSTAS EN MÚSICA DE RAÍZ, POP, ROCK E JAZZ

A música galega preséntase esta semana en Womex e Monkey Week a través de dez empresas e o directo de sete bandas

  Berrogüetto actuará o xoves 27 no concerto que a plataforma Sounds from Spain desenvolverá na World Music Expo de Copenhague.

  Maryland, Disco Las Palmeras!, Eladio y los Seres Queridos, Colectivooruga, Rusos Blancos e Holywater tocarán esta fin de semana no encontro do Porto de Santa María, onde quedará instalado un stand baixo a marca Galiciantunes.

A música galega preséntase esta semana en Womex e Monkey Week a través de dez empresas e o directo de sete bandas
[24/10/2011]
A industria musical galega enfronta unha intensa semana de actividade promocional e comercial na procura de consolidar e ampliar a súa proxección exterior a través da súa presenza en dúas destacadas citas profesionais: Womex (Copenhague, do 26 ao 30 de outubro) e Monkey Week (O Porto de Santa María, do 28 ao 31).

Dentro da súa política de promoción exterior, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo colabora con dúas das principais asociacións do sector –Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas) e AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais)– para apoiar a participación galega en ambos eventos, aos que se desprazan un total de dez empresas e sete grupos. Galiciantunes volverá empregarse como a marca para a promoción conxunta da música de produción galega, á que nesta ocasión se suma a imaxe da celebración en 2011 do Ano da Música de Galicia. Neste sentido, a Agadic edita un dobre cd cunha escolma de 34 temas das últimas propostas discográficas nos ámbitos da música de raíz, o pop, o rock e o jazz.
 
Terceiro ano en Copenhague
Womex, a máis importante feira de world music do circuíto internacional que por terceiro ano consecutivo ten a súa sede na capital dinamarquesa, contará coa asistencia das compañías Berrogüetto Producións, Fol Music, Mare, Nalgures Producións e Nordesía. No recinto feiral, a música de Galicia presentarase a través dun espazo diferenciado para Galiciantunes dentro do amplo stand da plataforma de difusión musical Sounds from Spain, promovida polo ICEX (Instituto de Comercio Exterior) e o Ministerio de Cultura, entre outras entidades. Tamén o gaiteiro Xosé Manuel Budiño viaxará ata Dinamarca para participar nesta feira, onde despregará un stand propio.
 
Esta representación galega estenderase tamén ao programa de concertos que se desenvolverá no Koncerthuset de Copenhague, onde Berrogüetto actuará na noite do xoves 27 como un dos grupos seleccionados por Sounds from Spain para a sección offWomex. Os sete integrantes de Berrogüetto, unha das formacións de referencia do folk galego, interpretarán unha escolma de temas do seu último álbum, así como de traballos anteriores, ante un público especializado integrado fundamentalmente por promotores musicais, axentes culturais e prensa musical de diferentes países.
 
Domingo galego na Monkey Week
A escena musical independente de Galicia terá, así mesmo, unha destacada presenza na terceira edición de Monkey Week, onde ademais de contar cun stand propio baixo a marca Galiciantunes, na tarde do domingo 30 protagonizará a actividade artística no Teatro Pedro Muñoz Seca, sede principal do encontro, cun concerto a cargo de Maryland, Disco Las Palmeras!, Eladio y Los Seres Queridos e Colectivooruga. Esta cita estará precedida dunha recepción á que están convidados todos os profesionais asistentes ao evento, entre os que se atopan representantes de festivais, salas de concertos, promotoras, discográficas, entidades públicas e prensa especializada.
 
Ademais, estes catro grupos actuarán en diferentes salas da localidade gaditana no marco do circuíto de showcases do encontro internacional de música independente, no que participarán así mesmo Rusos Blancos e Holywater –banda esta última presentada polo programa Artistas en Ruta de AIE (Sociedade de Artistas, Intérpretes ou Executantes)– ata completar un total de 13 concertos.
 
Xunto co expositor de Galiciantunes, as empresas que representan os devanditos grupos (Ernie Producciones, Esmerarte Servicios Artísticos e Matapadre) contarán cos seus propios espazos na área para profesionais da Monkey Week, á que tamén acudirá a firma galega I-Radia Crea.
 
Disco promocional
Entre o material promocional ao servizo das empresas asistentes a Womex e Monkey Week, destaca o dobre cd especialmente editado para a súa distribución gratuíta nas feiras internacionais de música deste ano 2011. A través del ofrécese unha selección da produción musical galega máis recente dividida por xéneros.
 
Así, o cd 1 (pop-rock-jazz) reúne 17 cancións tiradas dos últimos traballos discográficos de Eladio y Los Seres Queridos, Maryland, Rusos Blancos, Lamatumbá, Dios Ke Te Crew, Pedrito Diablo & Los Cadáveres, Nao, Funky Style Bass, Ultraqäns, Das Kapital, Víctor Aneiros, Silvia Penide, Costas, MBM Trío, 3Azoteas, Alfonso Medela e Ábe Rábade. Pola súa banda, o cd 2 (roots) ofrece outros 17 temas a cargo de Berrogüetto, Uxía, Ialma, Xosé Manuel Budiño, Loaira, Liorna, Riobó, Assembly Point, Vaamonde, Lamas & Romero, Leilía, Bellón Maceiras Quinteto, Marful, Fred Martins e Ugía Pedreira, Projecto Trepia, ISGA Collective e Manu Clavijo.

-Na imaxe: Disco Las Palmeras!

-Womex - the World Music Expo
-Monkey Week