EXPOSICIÓN
Do 27 de marzo ao 28 de maio de 2019
Biblioteca e Arquivo de Galicia
Cidade da Cultura
Monte Gaiás (s/n) Santiago de Compostela
Organizada pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en colaboración coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), Academia Galega do Audiovisual, CRTVG, RTVE e Fundación Aisge.
RECREANDO PERSONAXES, aínda que se desenvolve na contorna audiovisual, non fala de cinema, nin de películas, nin de series; fala de persoas e personaxes e os lazos que os unen.
Recóllese a figura dos actores e actrices que interpretan, dos personaxes creados con vida propia, dos creadores de personaxes e de historias, de mulleres e homes que fixeron historia e de técnicos que dan vida a personaxes. Como elemento en común: a cámara, a pantalla e os espectadores.
Son catro as seccións que compoñen a exposición:
- Actores, actrices e animados galegos, protagonistas indiscutibles desta mostra, que se caracterizan para darlles vida a personaxes, ficticios ou reais, na contorna da comunicación e da ficción.
- Autores que crean personaxes e historias, que son recolleitos polo audiovisual para proporcionarlles un novo territorio de ficción.
- A historia dos acontecementos que marcaron destinos, o patrimonio histórico como habitante do territorio, a realidade social que ha de facer historia co paso dos anos, contada en diferentes formatos.
- As mulleres da nosa historia, agrupadas, recoñecidas e lembradas nun produto que fai xustiza e é necesario para as novas xeracións, que non poderán xa esquecelas.
Comisaria da exposición