A Agadic iniciou a súa traxectoria en 2008 como axencia pública autonómica adscrita á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. De acordo cos fins que lle atribúe a súa lei de creación (4/2008, do 23 de maio), ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego.

As súas competencias esténdense á totalidade das actividades culturais e artísticas desenvolvidas por creadores individuais e empresas, na procura dunhas industrias culturais dinámicas, competitivas e innovadoras. Neste sentido, leva a cabo diferentes liñas de traballo encamiñadas a dotar de maior estabilidade o sector, optimizar a xestión empresarial nos procesos de produción e distribución, dinamizar o mercado interior e promover a proxección exterior da cultura galega.

Destacan entre estes eixos de actuación, as convocatorias anuais de subvencións ás industrias culturais e ao audiovisual, a xestión de circuítos estables de exhibición escénica e cinematográfica (Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas, Rede Galega de Música ao Vivo e Cultura no Camiño) e as iniciativas de difusión da cultura galega fóra das nosas fronteiras, sen esquecer o labor de produción, programación e formación continua que leva a cabo a través do Centro Dramático Galego, Centro Coreográfico Galego e Filmoteca de Galicia.


Fins:

 Garantir o progreso da cultura galega, e nomeadamente a normalización e o impulso do idioma galego como medio para protexer e fomentar a identidade cultural de Galicia, o desenvolvemento social, o crecemento económico e o diálogo intercultural.

 Impulsar a participación, consolidación e cooperación das empresas e profesionais na produción, creación, conservación, difusión e comercialización do patrimonio cultural galego, nun mercado dinámico, sustentable e plural que fomente a participación cidadá e remova os obstáculos que poden dificultar o acceso á cultura, especialmente dos colectivos menos favorecidos.

 Fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega co fin de promover a orientación ao mercado das empresas, mellorar a viabilidade dos seus proxectos, achegar recursos propios e aumentar o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.

 Potenciar os programas de investigación e desenvolvemento cultural, mellorando a calidade e diferenciación dos produtos, a axilidade no servizo prestado e a creación de valor engadido na economía dixital.

 Estreitar a coordinación entre as administracións públicas con competencias na materia e os axentes privados para aproveitar as sinerxías, incrementar a posibilidade de financiamento e acadar unha maior calidade e eficiencia na acción cultural.

 Favorecer a creación e produción artística e cultural das mulleres e a súa difusión, adoptando medidas de acción positiva destinadas a combater a discriminación de xénero.

Estrutura:

 Consello Reitor

Como órgano de goberno da Axencia correspóndenlle, entre outras atribucións, a aprobación do anteproxecto de orzamentos anuais e a contracción de obrigas de carácter plurianual, das contas anuais e do plan de actividades, así como o seguimento da súa execución e da xestión da Dirección. As súas competencias esténdense igualmente a cuestións relacionadas co persoal da Agadic e á resolución de posibles recursos administrativos, reclamacións previas e procedementos de responsabilidade patrimonial.

O Consello Reitor da Agadic está presidido por Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e del forman parte como vogais representantes da devandita consellería, así como das áreas de Economía e Industria e de Facenda da Xunta de Galicia.

 Dirección

Nomeada polo Consello da Xunta por proposta do conselleiro de Cultura, a Dirección o órgano executivo da Agadic e, como tal, encárgase da súa a xestión ordinaria.

O director da Agadic é Jacobo Sutil Nesta.