Estudantes de primaria e secundaria estrean as películas que dirixiron para o programa Cinema en Curso do CGAI

  A presentación de hoxe na Cidade da Cultura de Galicia dá a coñecer os cinco filmes realizados en centros galegos durante todo o ano

  Trátase dunha iniciativa pioneira que procura o desenvolvemento persoal e en grupo do alumnado a través do cine, mediante a aproximación a autores referenciais e o traballo titorizado con cineastas galegos que acompañan o proceso cos docentes

Estudantes de primaria e secundaria estrean as películas que dirixiron para o programa Cinema en Curso do CGAI
[16/06/2017]
A presentación de Cinema en Curso na Cidade da Cultura de Galicia mostra hoxe por primeira vez as películas que alumnado de primaria e secundaria realizou ao longo de todo o ano en cinco centros educativos galegos. O proxecto está coordinado polo Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) no marco do Plan Proxecta.

Ademáis, conta co apoio da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Representando as institucións implicadas, participaron no acto Guillermo Escrigas, director do CGAI; Núria Aidelman e Laia Colell, codirectoras internacionais de Cinema en Curso; José Manuel Pinal, director xeral de Centros e Recursos Humanos; e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Este último salientou a boa coordinación de todos os axentes que fan posible Cinema en Curso, iniciativa que presentou como pioneira en España por ser os estudantes os que traballan na realización de filmes de creación colectiva.

Desde a concepción da película, a escrita do guión, a súa preparación e rodaxe ata a montaxe, cada grupo leva a cabo a súa produción cinematográfica, rotándose sempre as funcións co acompañamento dos directores Miguel Mariño, Marcos Flórez e Ángel Santos, que traballaron cos docentes na edición 2016/2017 deste programa. As fitas parten da investigación sobre a contorna máis próxima e a súa posta en valor para, a través do cine, aprender a mirar e a apreciar a realidade doutro xeito.

Oficios e memoria como temas
Así, o CEIP de Tenorio de Cotobade, o CEIP Camiño Inglés de Oroso, o IES de Poio, o CEIP A Rúa de Cangas e o IES Milladoiro de Ames achéganse nestes filmes a oficios tan singulares de Galicia como os das redeiras, canteiros ou mariscadoras. Tamén traballaron sobre a memoria histórica e colectiva de Sigüeiro ou arredor da primeira xeración nada no barrio do Milladoiro. Sempre a partir dos seus descubrimentos e guiados polos referentes do cine de autor que os titores lles amosan, tales como José Luis Guerín, Alain Cavalier, Chantal Akerman ou Raymond Depardon, entre moitos outros.

Este proxecto, impulsado pola asociación A Bao A Qu, leva en funcionamento 12 anos como un programa pedagóxico que se integra de maneira transversal nos currículos dos centros. Entre outros lugares, ten presenza en Madrid, Cataluña, Chile e Alemaña. Coordinado en Galicia polo CGAI, a iniciativa ten dous grandes obxectivos: propiciar o descubrimento do cine como arte e facer da creación cinematográfica un motor de innovación educativa nas escolas e institutos.

-Web do CGAI
-Web de Cinema en Curso