A autora de 'Estiu 1993', seleccionada por España para os Oscar, abre a temporada 2017-2018 do CGAI

  Carla Simón presenta a súa ópera prima en dúas sesións o próximo xoves día 14, ás 18 e ás 20:30 horas

  Os premiados na última edición de Novos Cinemas, a cantautora Silvia Penide e o centenario de Fernando Rey marcan tamén o inicio do curso

A autora de 'Estiu 1993', seleccionada por España para os Oscar, abre a temporada 2017-2018 do CGAI
[07/09/2017]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) inicia a programación cinematográfica da temporada 2017-2018 o vindeiro xoves 14 de setembro con Estiu 1993, da catalá Carla Simón. O filme, seleccionado hoxe pola Academia de Cine para representar a España nos Oscar, chega á carreira polo galardón tralos seus premios en Berlín e Málaga.
A película conta a historia de Frida, unha nena de seis anos que afronta o seu primeiro verán orfa, tras perder a súa nai por unha enfermidade. Deixa a cidade de Barcelona para ir vivir cos seus tíos a unha vila da Garrotxa pirenaica. A fita desenvolve os diversos problemas de adaptación da rapaza, tanto polo cambio de ambiente como a vivencia do dó, cun guión honesto que parte dunha experiencia propia.
 
A sensibilidade da directora para trasladar estes sentimentos á pantalla, unida á pegada da nena protagonista, teñen levado a crítica a comparala con clásicos do cine español como Cría cuervos de Carlos Saura ou El espíritu de la colmena de Víctor Erice. A realizadora explicará o seu proceso creativo no CGAI en dúas sesións da longametraxe, ás 18 e ás 20:30 horas, establecendo un diálogo cos espectadores que asistan.
 
Óperas primas para o inicio da temporada
As sesións entran no marco de colaboración do CGAI co festival Novos Cinemas de Pontevedra, centrado en mostrar primeiras e segundas obras. A filmoteca mostra as catro gañadoras da última edición, todas elas referentes da temporada e cun amplo percorrido por citas cinematográficas internacionais.
 
Entre o 14 e o 20 de setembro, o CGAI mostrará Occidental, de Neil Beloufa, unha satírica historia en torno ás recentes protestas políticas das rúas de París;Le parc de Damien Manivel, filme onírico sobre unha parella de adolescentes premiado en Novos Cinemas co galardón principal; e a italianaI tempi fellici verranno presto, película que mestura o documental e o fantástico e que supón a consolidación crítica de Alessandro Comodin.
 
Outra das primeiras sesións da nova temporada é a do sábado 16, na que a cantautora Silvia Penide presenta os seus últimos videoclips e ofrece un directo. Xa a partir do 21 de setembro comezan o ciclo dedicado a celebrar o centenario do actor coruñés Fernando Rey, en colaboración coa exposición fotográfica que acolle o Quiosco Alfonso co fondo fotográfico que a familia do intérprete depositou no CGAI.

[Autor da fotografía: Agustí Argelich]

-Web do CGAI