A Xunta apoia o Festival Internacional Galicreques no seu labor de difusión do teatro de marionetas

  A Agadic subvenciona este encontro, que ofrecerá do 14 ao 22 de outubro en Santiagomáis de 40 funcións de 26 compañías de España, Arxentina, Chile, Francia e Portugal

  A programación inclúe as estreas absolutas dos últimos espectáculos da formación madrileña Mazzú Teatro e das galegas Fantoches Baj e Títeres Cachirulo

 A Xunta apoia o Festival Internacional Galicreques no seu labor de difusión do teatro de marionetas
[10/10/2017]
O Festival Internacional Galicreques desvelou hoxe o programa da súa 22ª edición, para a que volve contar co apoio económico da Consellería de Cultura e Educación a través da convocatoria de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional.

Un ano máis, Santiago converterase en gran referente para este xénero escénico durante a celebración do encontro, que do 14 ao 22 de outubro ofrecerá máis de 40 actuacións de 26 compañías chegadas desde Arxentina, Chile, Francia e Portugal, así como de diferentes localidades galegas e do resto de España.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, asistiu a esta presentación, na que tamén participaron a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Branca Novoneyra, e o director de Galicreques, Jorge Rey. Na súa intervención, Sutil definiu o festival como “unha cita esencial no outono cultural de Compostela”, ademais de explicar os  obxectivos que a Consellería de Cultura e Educación comparte coa Asociación Cultural Barriga Verde, organizadora do encontro, cara á a difusión deste xénero escénico.

Creación de públicos
Destacan entre estas prioridades, a de favorecer a consolidación e a xestión profesional de Galicreques como referente entre os festivais galegos, a promoción e dignificación do teatro de monicreques, dirixido tanto a adultos como aos espectadores más novos, e o impulso á creación e fidelización de públicos a través de formatos que, como o teatro de rúa, permiten chegar a un amplo número de espectadores.

O director da Agadic tamén fixo fincapé na importante presenza de compañías galegas nesta programación internacional, “demostrando que Galicia conta cunha oferta moi ampla e de moita calidade”. Así, figuran nesta carteleira Dhantea Teatro, A Xanela do Maxín, Títeres Alakrán, Teatro de Marionetas Trécola, Caramuxo Teatro, Mircromina Teatro de Títeres, Larei lará, Títeres Brincadeira, Carmen Domech, Fantoches Baj e Títeres Cachirulo.

Estas dúas últimas protagonizan, xunto coa formación madrileña Mazzú Teatro, as estreas absolutas de Galicreques. A Fundación SGAE acollerá o domingo 15, ás 12,30 h., a primeira función do espectáculo de Fantoches Baj Os golfiños e o xigante, que en 2016 obtivo o premio da Agadic Barriga Verde para teatro de monicreques na modalidade infantil, mentres que ese mesmo día, ás 18,00 h, terá lugar no Teatro Principal a función de Bala perdida, adaptación escénica do texto de Manuel Rivas a cargo de Títeres Cachirulo. Pola súa banda, Mazzú Teatro chegará a Santiago coa montaxe para público xuvenil Enredos de amor y odio, que representará na Fundación SGAE o sábado 21, ás 18,00 h.

A incorporación dun maior número de espectáculos dirixidos a mozos e mozas é, precisamente, unha das novidades desta 22ª edición de Galicreques, que este ano tamén aposta pola inclusión de propostas que combinan os monicreques con outros xéneros como o teatro de actor, a danza ou a música.

Campaña escolar
Así mesmo, a organización do festival explicou que en 2017 mantén o seu compromiso de achegarlles aos novos espectadores o xénero escénico dos bonecos a través dunha ampla programación de 15 representacións para colexios e institutos, ás que asistirán máis de 1200 escolares.

A carteleira de representacións completarase cunha serie de actividades paralelas, como o obradoiro El trastero de Lula. Constrúe o teu propio monicreque, tres exposicións e outras tantas mesas redondas. Entre estas últimas, unha para dar a coñecer as obras gañadoras dos últimos premios Barriga Verde, convocados pola Agadic co obxectivo de  promover a literatura dramática específica para este xénero escénico.

Este ano, ademais, o festival conta con dúas extensións fóra de Santiago, de xeito que a Sala Gurugú da Coruña e a Sala Ártika de Vigo ofrecerán durante este mes diferentes espectáculos que participan no Galicreques de Compostela.

-Galicreques