Cinco filmes integran a carteleira da mostra de cine que organizan Pazo de Mos e Agadic

  Ballerina’ proxéctase este domingo como arranque desta programación, que se estenderá ata o 25 de novembro con ‘100 años de perdón’, ‘Migas de pan’, ‘Sicixia’ e ‘María (y los demás)’

  O ciclo insírese no programa de actividades musicais, escénicas e audiovisuais promovidas a través dun protocolo de colaboración entre a Consellería de Cultura e Educación e a Fundación Pazo de Mos

 Cinco filmes integran a carteleira da mostra de cine que organizan Pazo de Mos e Agadic
[13/10/2017]
A Fundación Pazo de Mos e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) renovan a súa colaboración para o desenvolvemento da Mostra de Cine de Mos, que este ano terá lugar do 15 de outubro ao 25 de novembro no auditorio do espazo pontevedrés. O filme de animación Ballerina abrirá a programación este domingo, ás 17,30 h.

O ciclo estenderase ata o 25 de novembro con catro títulos de produción ou coprodución galega: 100 años de perdón, de Daniel Calparsoro, o 4 de novembro; Migas de pan, de Manane Rodríguez, o día 11; Sicixia, de Ignacio Vilar, o día 18; e María (y los demás), de Nelly Reguera, o día 25. Estes catro pases están programados para as 22.15 horas e, do mesmo xeito có do vindeiro domingo, serán de entrada libre ata completar a capacidade da sala.
 
A Mostra de Cine de Mos insírese, á súa vez, no calendario de actividades culturais promovido mediante o protocolo de colaboración que manteñen este ano a Fundación Pazo de Mos e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Ademais da Agadic, tamén achegan o seu apoio a esta oferta as secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística.
 
De feito, con este ciclo cinematográfico péchase a programación que se vén desenvolvendo desde primeiros do mes de setembro e dentro da que se celebraron, así mesmo, os concertos de Susana Seivane e da Banda de Música de Forcarei. Tamén tivo lugar en Mos a actuación dos Bolechas a través da iniciativa FalaRedes da Rede de Dinamización Lingüística.

-Fundación Pazo de Mos