Román Rodríguez destaca o papel das bandas de música populares como berces da cultura musical en Galicia

  O conselleiro asegurou que a nosa Comunidade é unha potencia neste ámbito durante a presentación da undécima edición do certame que organiza a FGBMP

  Na competición, que se desenvolverá o 25 e 26 de novembro no Auditorio de Galicia, participarán dez agrupacións e máis de 600 músicos

Román Rodríguez destaca o papel das bandas de música populares como berces da cultura musical en Galicia
[13/11/2017]
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, subliñou hoxe o papel das bandas de música populares como berces da cultura musical en Galicia, que –nas súas palabras– é toda unha potencia capaz de competir en calidade con comunidades tan emblemáticas neste eido como a valenciana.

Así o asegurou durante a presentación hoxe na Cidade da Cultura do XI Certame Galego de Bandas de Música Populares, que terá lugar no Auditorio de Galicia, en Santiago, os días 25 e 26 de novembro coa participación de dez agrupacións e máis de 600 músicos. A Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) organiza este evento de carácter anual, para o que volve contar co apoio económico da consellería a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
 
Acompañaron o conselleiro neste acto o presidente da FGBMP, Armando Morales; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Branca Novoneyra; e representantes das dez bandas que competirán polos premios nas tres categorías a concurso: a Xove Banda de Valga, a Xuvenil da Escola de Música de Meaño, a Xuvenil de Vilatuxe, a Banda de Música de Salvaterra do Miño e A Lira de Ribadavia, na sección terceira (ata 50 músicos); a Agrupación Musical da Limia, a Banda de Música Municipal de Caldas de Reis e a de Sanxenxo, na sección segunda (de 51 a 70 integrantes); e a Cultural de Teo mais Sons e Soños de Outeiro-Rábade-Begonte, na sección primeira (máis de 71 músicos).
 
7000 músicos federados

Román Rodríguez salientou a ampla tradición musical da nosa Comunidade, sustentada por agrupacións como as mencionadas. Neste sentido, agradeceulle á súa federación o labor de coordinación deste colectivo, con 92 bandas e 7000 músicos nas catro provincias.
 
Explicou, así mesmo, que a Xunta apoia este traballo de xeito directo a través dunha achega económica de 70.000 euros para o desenvolvemento tanto deste Certame Galego de Bandas de Música Populares como do X Concurso Galego de Composición para Banda de Música e Sección Sinfónica. E faino tamén –asegurou– de forma indirecta mediante unha nova liña de axudas, dotada con 300.000 euros, para apoiar tanto as escolas de música municipais como as de asociacións e fundacións sen ánimo de lucro; e da convocatoria dunhas subvencións específicas, cun orzamento de 500.000 euros, para que os concellos e entidades públicas melloren o equipamento, as instalacións e os locais destinados a actividades culturais.
   
Para o conselleiro, iniciativas como o Certame de Bandas e o Concurso de Composición confirman “o bo estado de saúde dunha tradición fortemente enraizada na cultura musical galega, a das bandas de música, que lonxe de quedar estancada no tempo, foi acadando co paso dos anos unha mellor formación para os seus integrantes, unha maior profesionalización e, como resultado, un prestixio social crecente”.
 
O nome das formacións gañadoras da undécima edición do certame darase a coñecer o domingo 26 durante o acto de clausura. Concederanse tres premios para cada unha das categorías, con diferentes dotacións que suman 12.600 euros. A maiores, poderase outorgar en cada sección un recoñecemento económico á mellor interpretación dunha obra galega.
 
Obras de autoría galega
As formacións participantes presentaranse sobre o escenario cun pasodobre de composición galega e, xa en concurso, ofrecerán unha obra de libre de elección e outra de autoría galega proposta pola organización para cada sección: Á maneira dos aires rapsódicos, de Xesús Xosé Iglesias González, e Areal da Alba e O nubeiro, ambas de de Esteban Zapata Blanco.
 
Estas tres pezas foron premiadas nas edicións de 2015 e de 2016 do Concurso Galego de Composición, que ten como obxectivo cubrir a escaseza de repertorio musical galego para ser interpretado especificamente por este tipo de agrupacións. As obras premiadas este ano anunciaranse tamén na gala de clausura do XI Certame Galego de Bandas de Música, no transcurso da que se lles fará entrega dos galardóns aos seus autores.
 
O Certame, ao que este ano se incorporan como novidade formacións xuvenís, será retransmitido en directo vía streaming a través da canle da Federación Galega de Bandas de Música Populares en YouTube.

-Federación Galega de Bandas de Música Populares