A Agadic colabora coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia na organización dos Premios María Casares

  Jacobo Sutil e Nieves Rodríguez asinaron o convenio para a realización do programa de actividades da vixésimo segunda edición destes galardóns teatrais

  O Teatro Rosalía Castro da Coruña acollerá o 21 de marzo a cerimonia de entrega na que se coñecerán os gañadores nas 14 categorías convocadas

A Agadic colabora coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia na organización dos Premios María Casares
[09/01/2018]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) mantén un ano máis a súa colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) na organización de diferentes actividades vinculadas aos Premios de Teatro María Casares. Os galardóns, que este ano celebran a súa vixésimo segunda edición, entregaranse na Coruña o 21 de marzo.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a presidenta da AAAG, Nieves Rodríguez, asinaron o convenio de colaboración polo que a Xunta contribúe á realización do programa de accións promocionais relacionadas con esta convocatoria, que recoñecerá o labor desenvolvido pola profesión teatral galega durante 2017.
 
O punto culminante será a cerimonia que terá lugar no Teatro Rosalía Castro e na que se desvelarán os gañadores e gañadoras nas 14 categorías, ademais de facerse entrega do Premio de Honra Marisa Soto. Tamén forman parte deste iniciativa o roteiro María Casares e unha serie de proxeccións e coloquios no Centro Galego de Artes da Imaxe e na Casa Museo Casares Quiroga, a través dos que se reivindicará a figura da gran actriz galega que lles dá nome a estes galardóns.
 
Desde a súa primeira convocatoria en 1997, os Premios María Casares téñense convertido nunha das citas anuais de referencia para a escena galega, funcionando como espazo de encontro para os profesionais do sector, foro social para o recoñecemento do seu labor e plataforma de proxección pública do seu traballo tanto dentro como fóra de Galicia.
 
Onte mesmo finalizou o prazo de inscrición de espectáculos nesta vixésimo segunda edición, á que puideron optar todas as montaxes de teatro de actor en lingua galega estreadas durante 2017. Nesta convocatoria, a xunta directiva da AAAG incluíu varias modificacións nas bases co obxectivo de velar por que todas as compañías participantes cumpran co I Convenio de Actores e Actrices de Teatro de Galicia, que desde 2009 rexe as relacións laborais entre intérpretes e empresas.
 
-Asociación Galega de Actores e Actrices de Galicia