A Agadic renova o seu apoio aos premios Martín Códax da Música como plataforma de difusión do sector en Galicia

  Músicos ao Vivo presentou hoxe a convocatoria da súa quinta edición, para a que abre ata o 18 de marzo o prazo de presentación de candidaturas

  A gala de entrega terá lugar o 9 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra

A Agadic renova o seu apoio aos premios Martín Códax da Música como plataforma de difusión do sector en Galicia
[01/03/2018]
Os Premios Martín Códax da Música acaban de abrir o prazo da inscrición de candidaturas para a súa quinta edición, que volve contar co apoio económico da Agadic. Así o anunciou hoxe en Santiago Músicos ao Vivo, a cargo da organización destes galardóns, que se entregarán o 9 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto a Ramón Bermejo, voceiro de Músicos ao Vivo; María Garrido, directora de Márketing de Bodegas Martín Códax; e Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra. Contouse, ademais, coa achega musical de Mr Cool (Ramón Orencio) á guitarra.
 
Na súa intervención, Jacobo Sutil lembrou que a Xunta aposta por estes premios desde o seu nacemento en 2013, xa que comparte con eles o “obxectivo de dotar dunha maior visibilidade e dunha maior proxección pública á música galega e aos seus intérpretes”. Valorou, así mesmo, que a recente constitución de Músicos ao Vivo en cooperativa reforce a organización dos Martín Códax “desde un punto de vista cada vez máis profesionalizado”.
 
Para o director da Agadic, “a existencia de colectivos profesionais fortes e consolidados contribúe ao mantemento dun diálogo útil e efectivo co sector e á aplicación de políticas consensuadas cara á nosa industria cultural, unha industria na que a música ocupa un lugar preeminente por feito e por dereito”, asegurou, ao tempo que puxo como outra mostra deste diálogo a renovación da normativa de funcionamento da Rede Galega de Música ao Vivo, xestionada pola Xunta en colaboración cos 23 locais asociados.
 
Calendario de votacións e eventos
No acto desta mañá fíxose público o calendario da quinta edición dos premios, que manteñen o sistema de votacións iniciado o ano pasado. A través del, un xurado profesional será o encargado de elixir os premiados entre as candidaturas máis votadas nunha primeira fase polos socios de Músicos ao Vivo. Este tribunal estará integrado por sete profesionais do sector, entre os que haberá un xornalista, un representante das salas de música ao vivo, outro da industria musical, un do ámbito formativo e tres músicos.
 
No web www.premiosdamusica.com permanecerá operativa ata o 18 de marzo a presentación de proxectos candidatos a cada unha das modalidades a concurso, que este ano pasan de 16 a 15 no caso das categorías musicais, ao unírense as de folk e tradicional, e manteñen as tres Organistrum para salas, festivais e espazos de comunicación. A continuación, abrirase ata o 8 de abril a primeira rolda de votacións na que os socios de Músicos ao Vivo decidirán os tres finalistas en cada apartado, que se darán a coñecer o 18 de abril na xa tradicional Festa de Nomeados que terá lugar nas Bodegas Martín Códax de Cambados.
 
Por último, o xurado profesional decidirá quen dos finalistas recibirá os ‘Melómanos’, as estatuíñas de madeira creadas polo escultor Víctor Lorenzo como figuras oficiais dos Martín Códax. En total, entregaranse 57 premios a proxectos musicais galegos no transcurso da gala do 9 de maio.