A celebración do Día da Muller abre a nova carteleira ourensá do CGAI en colaboración co Cineclube Padre Feijoo

  O director da Agadic e o presidente do cineclub asinaron esta mañá o convenio polo que Ourense repite, por quinto ano consecutivo, como sede da programación do Centro Galego de Artes da Imaxe

  ‘El orden divino’, sobre o movemento feminista suízo nos anos setenta, protagoniza hoxe a primeira das trece sesións que terán lugar entre marzo e abril na Biblioteca Pública Nodal

A celebración do Día da Muller abre a nova carteleira ourensá do CGAI en colaboración co Cineclube Padre Feijoo
[05/03/2018]
Ourense repite como unha das sedes da carteleira do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia grazas ao acordo que, por quinto ano consecutivo, manteñen a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Cineclube Padre Feijoo. A conmemoración do Día da Muller marca o inicio desta programación.

A carteleira, para a que tamén se conta coa colaboración do Concello ourensán, arranca hoxe mesmo na Biblioteca Pública Nodal cunha sesión dobre (20,30 e 23,00 h.) de El orden divino, filme de Petra Volpe sobre o movemento feminista suízo nos anos setenta.
 
O acordo que asinaron esta mañá o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o presidente do Cineclube Padre Feijoo, Manuel Precedo, foi presentado no marco da rolda de prensa sobre os actos promovidos polo Concello de Ourense con motivo do 8 de marzo e na que tamén interviñeron o alcalde, Jesús Vázquez Abad, e a concelleira de Igualdade, Sofía Godoy.
 
Na súa intervención, o director da Agadic explicou que a colaboración co cineclub da cidade das Burgas, do mesmo xeito que co Valle-Inclán de Lugo e o Lumière de Vigo, permite estender a programación do CGAI máis alá da súa sede na Coruña e poñer a disposición do público ourensán unha “variada oferta de películas non presentes nos cines comerciais”.
 
Filmes para a reflexión
En Ourense, o calendario de exhibición dos filmes achegados pola Filmoteca de Galicia  desenvolverase entre marzo e decembro, maioritariamente con sesións dobres programadas os luns na Biblioteca Pública Nodal. É o caso da carteleira marzo-abril, que arranca hoxe coa produción suíza El orden divino e que, como explicou Sutil, ofrece “unha selección de títulos recentes que nos fan reflexionar sobre situacións de desigualdade por razón de xénero que se dan nos nosos días”.
 
Así, o seguinte filme en cartel (12 de marzo) é a película arxentina Alanis, unha das sensacións do pasado festival de San Sebastián, onde levou os premios á mellor dirección para Anahí Berneri e á mellor actriz para Sofía Gala pola súa interpretación dunha traballadora sexual que se esforza por educar o seu fillo.
 
No marco deste mesmo ciclo do Día da Muller, o 19 de marzo proxectarase unha escolma de curtas galegas: Pois iso, que te quero, de Beatriz Belmonte; Atisbos, de Iria Silvosa; Palmira, de Diana Gonçalves; e a galardoada Matria, de Álvaro Gago, con premios no festival estadounidense de Sundance e na Seminci de Valladolid, entre outros.
 
Estreas de cine de autor en abril
Xa en abril, poderán verse por primeira vez na cidade tres producións españolas que trazan unha radiografía do que foi o panorama cinematográfico independente en 2017. Todas elas chegan avaladas pola crítica e por premios en diferentes festivais: Los objetos amorosos(día 9), de Adrián Silvestre; El mar nos mira de lejos (día 16), de Manuel Muñoz Rivas, e La vida y nada más (día 23), de Antonio Méndez-Esparza.
 
Esta primeira carteleira bimestral de 2018 concluirá o día 30 de abril cunha sesión dedicada aos últimos traballos do galego Alberto Lobelle, na que se inclúen Den Pobedy, sobre a celebración nas ex repúblicas soviéticas do Día da Vitoria contra Alemaña na Segunda Guerra Mundial, e o filme paisaxístico Serra da Capelada.
 
A entrada para as sesións de Filmoteca dos luns na Biblioteca Pública de Ourense é de 2 euros para os socios do Cineclube Padre Feijoo e de 2,5 euros para o público xeral.

-Cineclube Padre Feijoo