O CDG celebra as Letras Galegas con tres montaxes de Redrum, o ciclo Teatro Ob-sceno e unha xornada de portas abertas

  A compañía pública amosará as dependencias da súa sede en Santiago a través de visitas guiadas e de accións escénicas nos camerinos, nas oficinas e na biblioteca

  Invisibles, espectáculo de denuncia social sobre a violencia de xénero, chega ao Salón Teatro dentro do programa de coproducións do Centro Dramático Galego

O CDG celebra as Letras Galegas con tres montaxes de Redrum, o ciclo Teatro Ob-sceno e unha xornada de portas abertas
[14/05/2019]
O Centro Dramático Galego (CDG) ten preparado un intenso programa de actividades durante esta semana para conmemorar o Día das Letras Galegas na súa sede do Salón Teatro de Santiago. Esta carteleira inclúe os espectáculos de Redrum Teatro A nena que quería navegarContos do recreo e Invisibles, este último realizado en coprodución coa compañía da Xunta, que para o propio día 17 organizou, así mesmo, unha xornada de portas abertas e o inicio dunha nova edición do ciclo Teatro Ob-sceno.

A denuncia social é o común denominador das tres montaxes coas que Redrum Teatro se presenta desde hoxe e ata o domingo en Santiago. Tanto en A nena que quería navegar como en Contos de recreo, o obxectivo é reforzar a autoestima do alumnado fronte ao acoso escolar. Con este fin, programáronse tres pases matinais concertados con centros escolares: hoxe martes e mañá mércores coa primeira das pezas e o xoves coa segunda delas, que tamén poderá verse o venres 17 nunha función para público familiar ás 18,00 h.

Álex Sampayo é o director de ambas as pezas, mentres que Marián Bañobre se puxo á fronte de Invisibles, para a que Redrum contou co apoio da Consellería de Cultura e Turismo a través do programa de coproducións do Centro Dramático Galego. O espectáculo, que se representa o sábado 18 ás 20,30 h. e o domingo 19 ás 18,00 h., aborda e denuncia a lacra da violencia de xénero a partir dos sete testemuños reais recollidos no libro homónimo da xornalista Montse Fajardo.
 
Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez danlle voz en escena a estas mulleres nunha proposta na que, a partir da invisibilidade do maltrato e da posible inconsciencia das vítimas, as historias van saíndo á luz e confrontando ao público coa finalidade de facer saltar as alarmas e provocar reaccións.
 
O teatro por dentro
Ademais, como en anos anteriores, o CDG súmase á celebración do Día das Letras Galegas cunha nova entrega do seu programa de portas abertas Qué se agocha tras o pano?, que desta volta acompáñase dunha cita de Antón Fraguas, autor homenaxeado en 2019: “Para facer o pan había que moer o millo”.
 
A través de tres quendas de visitas guiadas (ás 10,30, 12,00 e 13,30 h.), o público terá a oportunidade de coñecer o funcionamento do teatro por dentro. A asistencia é gratuíta, previa reserva nos teléfonos 881 867 229 / 226 ou no enderezo electrónico centro.dramatico.galego@xunta.gal.
 
O punto de encontro será o exterior do Salón Teatro, no número 34 da rúa Nova de Santiago, onde os asistentes apreciarán a evolución do edificio, desde a súa primeira reconstrución en 1919 como salón cinematográfico ata a adquisición do inmoble pola Xunta de Galicia e as derradeiras reformas a finais dos anos noventa do século pasado, que o levaron á súa recuperación como espazo escénico. Os grupos, dun máximo de 10 persoas, percorrerán tamén estancias como os camerinos, a lavandaría ou a xastraría, ademais de acceder a espazos máis técnicos do teatro.
 
Accións en espazos diferentes
Parte destas dependencias abriranse igualmente para a terceira edición do ciclo Teatro Ob-sceno. Desta volta, os camerinos, as oficinas e a biblioteca acollerán do venres 17 ao domingo 19 as pezas Váter de Sal do Teatro, Margarita de Teatro En Punto e Sorpresa de Enconarte. Nas tres sesións, programadas ás 19,00 h. o venres e sábado e ás 20,30 h. o domingo, o público irá percorrendo as devanditas estancias para gozar dunha peza en cada unha delas.
 
O ciclo terá continuidade na fin de semana do 24 ao 26 de maio coas propostas Alicia morreu de sobredose de Rinoceronte Teatro, Sofía de Inversa Teatro e Pulso de Teatro En-Trance.
 
Tanto as entradas para Teatro Ob-sceno, cunha capacidade máxima de 15 persoas por sesión, como para as funcións de Contos do recreo e Invisibles poden adquirirse por adiantado no web entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443. Tamén estarán á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto desde dúas horas antes das representacións.

-Máis información