Odaiko e Compañía N+1 protagonizan as estrea de Galicia Escena PRO na terceira xornada do mercado

  ‘Circopeta’ e ‘Evolution’ poderán verse mañá en Santiago xunto con ‘Réquiem’ da formación madrileña Rotura Producciones, ‘Pink Unicorns’ de La Macana e ‘O empapelado amarelo’ de A Quinta do Cuadrante

  Os circuítos de distribución das artes escénicas serán obxecto de debate no segundo Cafescena deste encontro

Odaiko e Compañía N+1 protagonizan as estrea de Galicia Escena PRO na terceira xornada do mercado
[11/06/2019]
Odaiko e Compañía N+1 protagonizan as dúas estreas absolutas de Galicia Escena PRO, que poderán verse mañá en Santiago dentro do programa de exhibición da sétima edición do mercado galego das artes escénicas. A formación madrileña Rotura Producciones e as galegas La Macana e A Quinta do Cuadrante completan a carteleira da terceira xornada deste encontro, que organizan a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e a asociación empresarial Escena Galega.

A actividade de mañá dará comezo coa primeira destas estreas: o espectáculo Circopeta, que Odaiko representará por vez primeira ás 11,00 h. na Fundación SGAE. Juan Collazo dirixe esta creación colectiva, pensada para o público infantil e familiar, na que Ruliño –o entrañable personaxe da obra O cabaliño de buxo, de Neira Vilas– amosará o mundo do circo rural coa axuda duns intrépidos percusionistas.
 
O circo é tamén parte fundamental de Evolution, a segunda das estreas de Galicia Escena PRO, a cargo de Alfredo Muíño e a súa Compañía N+1. O Auditorio Abanca acollerá ás 17,30 h. esta peza, que tamén bota man do teatro e da danza para plasmar a historia da humanidade en tres actos: unha infancia violenta, unha madurez viva e relativamente equilibrada e un porvir incerto.
 
Intercambio con MADferia
Ademais, esta terceira xornada de Galicia Escena PRO ofrécelle ao público unha proposta chegada desde Madrid, grazas ao intercambio que se establece con MADferia por segundo ano consecutivo. Desta volta, trátase do espectáculo Réquiem, de Rotura Producciones, que poderá verse na Fundación SGAE ás 12,30 h. A actriz Esther Bellver é a alma mater desta compañía, así como a directora e intérprete da montaxe coa que lle rende unha sentida homenaxe ao seu pai, recentemente falecido.
 
Pola súa banda, o Teatro Principal será o escenario de Pink Unicorns, que La Macana representará ás 19,30 h. Coproducida co Centro Coreográfico Galego, entre outras entidades, esta proposta enfronta o desafío de poñer en escena un pai co seu fillo adolescente e abordar así as coincidencias e rivalidades nas relacións paterno-filiais.
A carteleira de mañá rematará con O empapelado amarelo, o espectáculo de debut de A Quinta do Cuadrante, a nova compañía de Melania Cruz e Tito Asorey. Baseado no relato autobiográfico de Charlotte Perkins Gilman, referente feminista da literatura universal, ofrece unha reflexión sobre a necesidade de continuar loitando pola liberdade da muller e pola defensa da creatividade e da imaxinación para a construción dunha personalidade completa. Melania Cruz é a intérprete desta produción, que representará ás 22,30 h. no Salón Teatro.
 
O público xeral pode asistir aos 20 espectáculos programados nesta sétima edición de Galicia Escena PRO segundo as localidades dispoñibles unha vez completado o acceso dos profesionais con acreditación. A entrada é gratuíta, previa retirada no despacho de billetes correspondente desde unha hora antes do comezo das funcións.
 
Café e debate 
En canto á programación reservada aos máis de 150 axentes culturais inscritos, mañá desenvolverase o segundo dos Cafescena no Hotel Costa Vella, baixo o título Programación e circulación escénicas. Distintas perspectivas e distintas realidades, para o que se contará coas achegas de Olga Mojón, directora do Teatro Principal de Ourense; Enrique Camacho, xefe de proxectos do Instituto de Artes Escénicas de Tenerife; Sergi Calleja, director de distribución do Grupo FOCUS, e Juan Vicente Martínez, director do festival Sagunt a Escena. O debate, que dará comezo ás 16,00 h., estará moderado por Belén Pichel, presidenta de Escena Galega.
 
A xornada rematará na sala Riquela Club coa terceira e últimaNoitescena PRO, que ofrece un programa musical sorpresa do que poderán gozar todos os acreditados.

-Galicia Escena PRO