Máis de 300 artistas da delegación galega no Festival de Lorient participan no 'Gran desfile das nacións celtas'

  O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asistiu a este evento no que participaron máis de 3.500 músicos de todos os países convidados

  Trátase do evento central do histórico encontro da cultura celta que este ano celebra o Ano de Galicia e ao que asistiron máis de 70.000 persoas

Máis de 300 artistas da delegación galega no Festival de Lorient participan no 'Gran desfile das nacións celtas'
[04/08/2019]
Máis de 300 artistas que integran a delegación galega do Festival Intercéltico de Lorient participaron esta mañá no Gran desfile das nacións celtas, o evento central do histórico encontro da cultura celta que este ano conmemora o Ano de Galicia. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asistiu ao acto no marco da súa viaxe institucional á vila francesa durante esta fin de semana.

O desfile tivo lugar polas rúas de Lorient e contou coa participación de máis de 3.500 músicos, cantantes, bailaríns, artistas visuais e académicos cineastas das chamadas nacións celtas (Asturias, Bretaña, Cornualles, Escocia, Illa de Man, Irlanda, Gales e Galicia). O evento foi seguido en directo por máis de 70.000 persoas.
 
A delegación galega está composta por algúns dos artistas galegos máis internacionais entre os que destacan nomes como os de Carlos Núñez, Mercedes Peón ou Milladoiro, xunto con artistas que están a renovar a nosa tradición musical, como Davide Salvado, Aliboria ou Tiruleque, e agrupacións que traballan día a día na súa recuperación, mantemento e difusión.
 
Música, baile e gastronomía
Ademais desta actividade, a presenza da delegación galega no festival céntrase no pavillón dedicado á nosa Comunidade. Trátase dun espazo que ten por obxectivo a promoción da música e a danza galega, ao tempo que se favorece a difusión de Galicia como destino cultural, gastronómico e turístico de cara ao vindeiro Ano Santo.
 
Ademais, como complemento ao programa artístico, Galicia fai gala da súa riqueza gastronómica a través da degustación de produtos típicos, ademais de promocionar a súa calidade como destino turístico, en colaboración co Clúster Turismo de Galicia.