O Salón Teatro e o Museo das Peregrinacións acollen 130 das sesións programadas na 33ª edición de Cineuropa en Santiago

  Ambos espazos da Xunta repiten como sedes do festival, que hoxe presentou a ampla carteleira cinematográfica que desenvolverá do 7 ao 28 de novembro

  A directora Rita Azevedo e as actrices María Vázquez e Emma Suárez serán recoñecidas neste encontro cinematográfico, que ofrecerá 19 estreas a nivel estatal

O Salón Teatro e o Museo das Peregrinacións acollen 130 das sesións programadas na 33ª edición de Cineuropa en Santiago
[31/10/2019]
O festival Cineuropa de Santiago anunciou este mediodía a programación completa da súa 33ª edición, que se desenvolverá do 7 ao 28 de novembro en diferentes localizacións da cidade. Entre elas, dous espazos da Xunta, o Salón Teatro e o Museo das Peregrinacións, que repiten como sedes do encontro para acoller unhas 130 do total de sesións programadas.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe nesta presentación, compartindo mesa co alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; a directora do festival, Laura Seoane; o coordinador da programación, Javier Trigales, e a actriz María Vázquez. Esta última será, xunto a Emma Suárez e á directora Rita Azevedo, unha das profesionais recoñecidas nesta edición, que lle ofrecerá ao público case 200 títulos cunha especial atención a filmes que achegan unha mirada plural e feminina.
 
Na súa intervención, Sutil deulle a benvida á nova dirección do festival, do que destacou a súa importante traxectoria a prol da difusión cinematográfica e o seu apoio ao audiovisual galego. Este ano, por exemplo, o encontro proxectará 11 películas de produción galega como ArimaLonga Noite ou Eroski Paraíso, ademais de dedicarlle unha sección ás paisaxes urbanas que retrata o cinema galego contemporáneo.
 
A programación de Cineuropa inclúe tamén 19 estreas de películas a nivel estatal, así como nove preestreas de fitas que chegan a Santiago como parte do seu percorrido por diferentes festivais internacionais.
 
En canto ás seccións paralelas, este ano lembraranse as carreiras de cineastas como Agnès Varda, Chantal Akerman ou Jonas Mekas, así como a da crítica Pauline Kael. Afondarase tamén na produción de Jessica Hausner, pasaranse películas vinculadas ao cambio climático e analizaranse os criterios para cualificar un filme de feminista.
 
Os bonos para asistir a esta 33ª edición poderán mercarse a partir do vindeiro luns 4 polas canles habituais de venda de entradas do festival.

-Cineuropa