A Xunta pon en marcha a nova convocatoria para a admisión de salas na Rede Galega de Música ao Vivo

  O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 9 de decembro para os locais privados interesados en formar parte deste circuíto profesional

  Durante 2019 terá ofrecido preto de 200 concertos en 20 espazos cun orzamento de máis de 170.000 euros, asumido nun 90% pola Consellería de Cultura e Turismo

A Xunta pon en marcha a nova convocatoria para a admisión de salas na Rede Galega de Música ao Vivo
[13/11/2019]
A Xunta mantén aberto ata o 9 de decembro o prazo de solicitude da nova convocatoria de admisión de salas na súa Rede Galega de Música ao Vivo, que durante o presente ano terá ofrecido 200 concertos nos 20 locais asociados na actualidade. A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), xestiona e asume o 90% do orzamento deste circuíto profesional, que conta con máis de 170.000 euros para a súa carteleira de 2019.

De acordo coa nova convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), entre todas as solicitudes recibidas seleccionarase un máximo de 30 locais para acoller a programación en rede de 2020. Poderán optar a formar parte dela as persoas ou entidades xestoras de salas de música de titularidade privada que reúnan unha serie de requisitos, como estar en posesión das autorizacións legalmente esixidas para realizar espectáculos en directo ou contar cunha programación estable de concertos durante os dous últimos anos, cun mínimo de 25 actuacións musicais realizadas.
 
Unha comisión encargarase de valorar todas as solicitudes para elaborar unha proposta de admisión de acordo cos criterios de baremación que se especifican nas bases. Entre eles, a capacidade do local, antigüidade, concertos programados nos últimos dous anos e equipamentos audiovisuais, así como o acceso ou estado do escenario e dos camerinos.
 
Unha vez rematado este proceso, as salas adheridos disporán dun novo prazo para deseñar as súas programacións no marco da Rede Galega de Música ao Vivo, a partir do catálogo de artistas e grupos que lles facilitará a Agadic.
 
Neste circuíto, promovido pola Xunta en colaboración coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura, ten cabida unha ampla variedade de estilos musicais, cun gran protagonismo dos grupos galegos.

-Máis información