As axudas da Xunta á distribución de espectáculos contribúen á presenza da música e da escena galegas nunha vintena de países

  As xiras internacionais de artistas e grupos como Carlos Núñez, Uxía, Agoraphobia, Anxo Lorenzo, Xavier Díaz, Davide Salvado, Sumrrá ou Roi Casal atópanse entre as iniciativas subvencionadas este ano

  Esta liña de apoio, dotada en 2019 con 460.000 euros, destínase a financiar parte dos gastos asumidos polas empresas culturais galegas no desenvolvemento de máis de 600 concertos, funcións e accións de promoción fóra da nosa Comunidade

As axudas da Xunta á distribución de espectáculos contribúen á presenza da música e da escena galegas nunha vintena de países
[19/11/2019]
A Xunta apoia a presenza da música e das artes escénicas galegas en diferentes localidades españolas e doutra vintena de países a través da adxudicación este ano de 460.000 en axudas para actividades de distribución nas industrias culturais. A Consellería de Cultura e Turismo completou esta convocatoria anual de subvencións coa publicación da cuarta e última quenda de adxudicacións na nosa web

A súa finalidade é favorecer a proxección exterior da cultura galega, cofinanciando os gastos que asumen as empresas á hora de buscar unha maior difusión do traballo dos artistas que representan. Desta volta, as contías outorgadas destínanse a cofinanciar o desenvolvemento de máis de 600 actuacións escénicas, concertos e accións de promoción en países como Alemaña, Arxentina, Austria, Bélxica, Brasil, Chile, China, Colombia, Cuba, Ecuador, Francia, Holanda, Italia, Irlanda, Luxemburgo, México, O Salvador, Portugal, Reino Unido, República Checa e Uruguai, ademais de en Galicia e no resto de España.
 
Xiras fóra de Galicia
Do total do orzamento adxudicado, arredor de 370.000 euros invístense nas xiras estatais e internacionais de numerosos grupos de música e compañías escénicas. É o caso dos concertos ofrecidos recentemente por Carlos Núñez nunha vintena de cidades de Escocia, Irlanda, Luxemburgo, Francia e España, así como do tour británico de Agoraphobia ou das últimas xiras de Alfonso Franco Cuarteto, Andrea Pousa, Anxo Lorenzo, Davide Salvado, De Vacas, Fernando Barroso, Guadi Galego, Luar na Lubre, Óscar Ibáñez, Pelepau, Rodrigo Romaní, Roi Casal, Samuel Diz, Sumrrá, Susana Seivane, Uxía, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, e Xan Campos Trío, entre outros.
 
Tamén cómpre destacar na relación de actividades subvencionadas, a importante presenza internacional da nosa escena, representada por Berrobambán en Comlobia; Elefante Elegante, Ibuprofeno Teatro, Javier Martín e Producións Teatrais Excéntricas en Portugal; La Macana en Francia; Limiar Teatro en Arxentina e Uruguai; O Retrete de Dorian Gray en China e Portugal; Os Náufragos en México; Tanxarina en Colombia, O Salvador e Portugal, e Títeres Cachirulo en Arxentina e Ecuador.
 
Mercados profesionais
Outra das modalidades desta liña de axudas está dirixida especificamente a colaborar coa actividade promocional das empresas culturais galegas nunha vintena de mercados sectoriais de carácter internacional en España, Alemaña, Cuba, Holanda e Portugal, entre outros países.
 
Ademais, estas subvencións inclúen unha cuarta categoría para actuacións escénicas dentro de Galicia, mediante a que se apoian 69 funcións das xiras das compañías Baobab Teatro, Contraproducións, Ibuprofeno Teatro, Malasombra Producións, Producións Teatrais Excéntricas, Redrum Teatro e Sarabela Teatro.