O encontro de circo D10! trae ao Salón Teatro de Santiago a compañía catalá Animal Religion co espectáculo 'Fang'

  Poderá verse o vindeiro domingo día 1, ás 18,00 h, dentro da cuarta edición deste foro de formación e innovación no ámbito circense que organiza Pistacatro en colaboración co CDG

O encontro de circo D10! trae ao Salón Teatro de Santiago a compañía catalá Animal Religion co espectáculo 'Fang'
[28/11/2019]
O espectáculo Fang, da compañía circense Animal Religion, poderá verse este domingo día 1 no Salón Teatro de Santiago, que retomará así a súa actividade escénica tras un mes maioritariamente dedicado ás proxeccións do festival Cineuropa. A función, que terá lugar ás 18,00 h., insírese na programación da cuarta edición do Encontro de Formación e Innovación no circo D10!, que organiza Pistacatro en colaboración co Centro Dramático Galego (CDG), entre outras entidades.

A compañía, fundada e dirixida polo artista catalán Quim Girón, chega a Galicia cun espectáculo polo que en 2017 obtivo o premio especial da revista de circo e artes circenses Zirkolika, recoñecemento que se suma a outros destacados galardóns obtidos polas súas anteriores montaxes, coas que ten actuado por toda Europa e por Asia.
 
Neste caso, Fang reflexiona arredor da unión da terra e o corpo humano a través da manipulación do barro en escena, articulando unha proposta chea de formas e esculturas únicas durante a que corpo e barro acabarán sendo un todo e transformando por completo a expresión do artista. O propio Quim Girón é o creador e intérprete desta peza, con múisca de Joan Cot e iluminación de Joana Serra.
 
Ademais desta función na sede do CDG, o foro D10! ofrécelles aos profesionais do circo tres obradoiros no Centro Sociocultural do Romaño, tamén en Santiago. O primeiro deles é o que está a impartir desde o pasado martes Pepa Gil baixo o título O traballo de mesa nos procesos creativos, ao que seguirán a semana que vén Malabar creativo. O movemento orgánico nos malabares con Stephan Sing e Experimentación acrobática e experimentación persoal con Xavi Sánchez.
 
As entradas para asistir a este espectáculo poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro o propio domingo desde dúas horas antes do inicio da función a un prezo único de 6 euros. Ademais, xa están á venda na web entradas.abanca.com as localidades para Se fosen turistas levarían gafas de sol, coprodución de Limiar Teatro, Crémilo e o Centro Dramático Galego que se estrea o 12 de decembro na sede da compañía pública, onde poderá verse ata o día 21.