A Xunta celebra a 25ª edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais incrementando a súa dotación ata 8000 euros

  O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases desta convocatoria, que inclúe as do XI Manuel María de literatura dramática infantil e do XIV Barriga Verde de textos para monicreques

  Ábrese ata o 4 de maio de 2020 o prazo de recepción de orixinais para estes galardóns, a través dos que a Consellería de Cultura busca estimular e recoñecer a creación literaria no eido teatral

A Xunta celebra a 25ª edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais incrementando a súa dotación ata 8000 euros
[04/12/2019]
A Xunta de Galicia celebra a vixésimo quinta edición do seu premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais aumentando a súa dotación ata 8000 euros, 2000 máis que nas súas convocatorias anteriores. Deste xeito o que é o galardón literario máis lonxevo de todos os que se desenvolven no ámbito teatral galego convértese tamén nun dos que contan cunha maior achega económica.
 
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as súas bases, xunto coas dous outros dous galardóns de literatura dramática xestionados pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic): 11º Manuel María de literatura dramática infantil e 14º Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas dúas modalidades de público infantil e adulto. O prazo de presentación de orixinais estará aberto desde mañá e ata o 4 de maio de 2020.
 
Dotación económica e posibilidade de edición
Os tres certames, de periodicidade bienal e cunha dotación total de 26.000 euros (8000 para o Álvaro Cunqueiro e 6.000 para cada un do resto de premios e modalidades), comparten como obxectivo servir de estímulo á creación literaria no eido dramático, así como procurar o seu maior recoñecemento e proxección social. Neste sentido, ademais das devanditas contías económicas, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Xunta mantén en colaboración con varias editoriais galegas.
 
Poden optar a estes galardóns aquelas persoas físicas maiores de idade que presenten textos teatrais inéditos, escritos en galego normativo e non representados nin premiados noutros certames. Nos tres casos, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que se deberá ter en conta o principio de duración normal dun espectáculo teatral. No caso do Álvaro Cunqueiro e do Manuel María, quedarán excluídos os textos para teatro de monicreques.
 
Para a avaliación de todos os textos recibidos no prazo e forma indicados, preferiblemente por vía electrónica a través do portal https://sede.xunta.gal, constituirase un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico. Para emitir o seu ditame, que deberá ter lugar antes do 10 de decembro de 2020, o xurado valorará aspectos relacionados coas calidades literaria e dramática, a viabilidade escénica, a adecuación a cada premio e o coidado da lingua.
 
Na anterior edición,os premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María recaeron en Ás oito da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez, e Somos os monstros, de Paula Carballeira, respectivamente, mentres que o Barriga Verde foi declarado deserto nas súas dúas modalidades. Ambos os textos foron publicados na colección Biblioteca Dramática Galega, que manteñen a Xunta de Galicia e Edicións Xerais, e poden adquirirse tanto na Libraría Institucional da Xunta de Galicia como enestablecementos físicos.