O novo circo, a danza aérea e a música electrónica suben ao escenario do CDG coa Compañía IO e o espectáculo '4 segundos'

  O Salón Teatro acolle tres funcións da montaxe este venres e o sábado, ás 20,30 h., e o domingo, ás 18,30 h.

  A acción física e o movemento, con gran peso das acrobacias, son o motor desta peza, con ambientación sonora en direct

O novo circo, a danza aérea e a música electrónica suben ao escenario do CDG coa Compañía IO e o espectáculo '4 segundos'
[04/03/2020]
O Centro Dramático Galego (CDG) ábrelle as portas do Salón Teatro de Santiago á Compañía IO, que esta fin de semana representa alí o seu espectáculo 4 segundos, no que mestura novo circo, danza e a experimentación coa música electrónica. Son tres as funcións da montaxe programadas neste espazo da Xunta, onde poderá verse o venres 6 e o sábado 7, ás 20,30 h., e o domingo 8, ás 18,30 h.

O título desta peza fai referencia a como os poucos segundos dun suceso dramático, como un accidente, poden cambialo todo e a como a sensación de perigo ou risco esperta o noso instinto animal de supervivencia. Trátase do segundo espectáculo desta compañía galega, que debutou en 2016 con Contiguo e que hai un mes estreou Espida, a súa nova proposta.
 
Álvaro Reboredo “Fitinho” asina tanto a dirección como a dramaturxia, que interpreta xunto a Beatriz Rubio e Javier Lemus. Este último é o encargado da súa ambientación sonora en directo, a partir das bases electrónicas que manexa desde a mesa situada no propio escenario. Tamén sobre el, un gran número de tubos mantéñense en pé ocupando todo o espazo de xeito que, a partir do seu manexo, a acción física e o movemento son o verdadeiro motor deste espectáculo, con gran peso das acrobacias.
 
No equipo artístico de 4 segundos, atópanse tamén o coreógrafo e ex ximnasta da selección olímpica brasileira Maximiliano Sanford Monte, na dirección de movemento; Atelier Efímero, a cargo do vestiario; Javier Quintana, da iluminación, e a propia Beatriz Rubio, da escenografía.
 
As entradas para as tres funcións en Santiago de Compostela, que supoñen a reestrea de 4 segundos en salas tras o seu percorrido como espectáculo de rúa, poderán adquirirse unicamente no despacho de billetes do Salón Teatro, que abrirá ao público desde dúas horas antes do comezo da representación.

-Compañía IO