Medidas preventivas en materia de sa˙de p˙blica como consecuencia do coronavirus COVID-19

[13/03/2020]
En adopción das medidas preventivas en materia de saúde pública como consecuencia do coronavirus COVID-19, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo informa de que os seus dous espazos con programación cultural (Salón Teatro en Santiago de Compostela e CGAI na Coruña) suspenden a súa actividade pública ata novo aviso.

Así mesmo, lembramos as medidas publicadas no DOG núm. 49-bis do xoves, 12 de marzo de 2020  que lle afectan directamente ao sector das industrias culturais:
 
Equipamentos culturais
Suspéndese a apertura ao público de museos, arquivos e outros equipamentos culturais dependentes da Administración autonómica. No caso das bibliotecas, poderán permanecer abertas, limitando a súa capacidade ata un terzo do máximo permitido co fin de posibilitar a separación dos usuarios e dificultar a transmisión do virus. Así mesmo, recoméndase ás demais administracións titulares de equipamentos culturais a inmediata adopción de medidas semellantes.
 
Espectáculos públicos e actividades recreativas (actividades de lecer, culturais e similares)
 
-Espazos pechados:
Suspéndese a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas con máis de 500 persoas en espazos pechados. En caso de estar por debaixo deste límite poderán celebrarse sempre que non se supere un terzo da capacidade autorizada, aplicando as medidas de distanciamento entre grupos de persoas conforme as recomendacións sanitarias. Esta limitación non afectará espazos pechados cunha capacidade igual ou inferior a 50 persoas, ben que deberán aplicarse as medidas de distanciamento entre grupos de persoas conforme as recomendacións sanitarias.
 
-Espazos abertos:
Recoméndase a suspensión da celebración de actividades colectivas ao aire libre. En todo caso, suspéndense aquelas que concentren máis de 1000 persoas (mercados, festivais, concertos, feiras, festas populares e similares). En todo caso, deberán aplicarse as medidas de distanciamento entre grupos de persoas conforme as recomendacións sanitarias.
 
Para calquera dúbida relacionada con casos concretos e actividades promovidas e/ou apoiadas pola Agadic, pode contactar con nós a través do correo electrónico agadic@xunta.gal.